Ortegalia descobre as curiosidades do Camiño Real nas xornadas de interpretación do patrimonio de Ortegal
A Fundación Ortegalia organiza este mércores, 7 de agosto, no marco das súas “VI Xornadas de Interpretación histórico artística do patrimonio de Ortegal” unha camiñada polo antigo Camiño Real que unía Ferrol e Viveiro, percorrendo o tramo que vai dende Santa Marta a San Claudio. O prazo para anotarse conclúe mañá.
Se trata dun itinerario guiado, no que a historiadora da entidade irá comentando curiosidades do histórico vial que, nalgúns dos seus tramos, coincidía cun antigo camiño de peregrinación Xacobea por terras de Ortegal, ademais de analizar a historia dos principais inmobles e elementos do patrimonio material que se encontraban ao longo do percorrido, con especial atención a aqueles que seguen en pé (igrexas, feiras, pontes, fontes…).
O treito a percorrer durante a mañá do mércores levará aos camiñantes a visitar parte do territorio das parroquias de Ortigueira, Cuiña, Senra e San Claudio, sendo a primeira parada, tras saír do Museo Ortegalia, a capela da Madalena, punto do itinerario no que Ortegalia contará coa colaboración de Sesa Álvarez Lage.
A ruta, duns 9 km de lonxitude, concluirá no ámbito da histórica Feira de San Claudio un pouco antes das 15 horas. De feito, os participantes tomarán o tren que pasa a esa hora, con destino ao núcleo urbano.
A actividade ten un custo de 5 euros, incluíndose no prezo o billete de tren.











