Ordes renderalle homenaxe ao folclore galego no “Día da Muiñeira”
Un verán máis o Concello de Ordes celebra o seu Día da Muiñeira. Unha cita cultural, lúdica e gratuíta coa que pretende renderlle o seu particular tributo ao noso folclore, á nosa música, así como a quen fai posible a difusión e o mantemento do legado cultural e da tradición galega. A cita será este vindeiro domingo a partir das 20 horas na Alameda de Ordes, aínda que previamente as 4 agrupacións participantes farán un pasacalles polo centro de Ordes.
Este ano cóntase coa participación de: Grupo de Danza Asociación Cultural Veciños de Leira, Asociación Cultural Os Xeitosos de Trazo, Asociación Cultural ‘Camiño Real’ de Poulo e a Agrupación Folclórica Cultural Sementes do Arte.











