Operativo de limpeza para a madrugada e o día de San Roque

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Aínda que as labores de limpeza das rúas e espazos públicos de Vilagarcía xa se intensificaron dende o inicio das festas, o Concello vén de pechar o dispositivo especial que se porá en práctica os días centrais e no que este ano participan case 60 persoas entre operarios municipais de diferentes departamentos e o persoal da concesionaria Cespa. O dispositivo centrarase especialmente na limpeza dos desperdicios orixinados na madrugada previa á Festa da Auga e ao día de San Roque, así como á xornada posterior ao Combate Naval e ao desfile de Carrozas.

A intensa actividade festiva e a aglomeración de xente que acollerán as rúas de Vilagarcía durante a véspera do día de San Roque a Festa da Auga fan prever tamén a necesidade de intensificar as labores de limpeza de cara a recuperar a imaxe da cidade tras as celebracións. Para elo disporanse medios persoais e materiais complementarios para a recollida e limpeza do lixo. Entre eles, 24 contedores que se instalarán na zona das praias a madrugada previa á Festa da Auga para que as persoas que realicen celebracións nos areais depositen dentro o lixo. O Concello solicita a máxima colaboración e civismo por parte da cidadanía para facilitar as tarefas dos servizos de limpeza pola mañá e que a imaxe poida volver á normalidade canto antes.

O operativo da Festa da Auga iniciarase ás sete da mañá do día 16 na zona das praias co obxectivo de deixar os areais en perfecto estado para a súa utilización por parte de bañistas e demais usuarios despois das múltiples celebracións que se fan ese día nesa zona.

Traballadores municipais iniciarán as labores de limpeza nas praias apoiados por operarios de Cespa, que tamén aportará o tractor limpapraias e vehículos recolectores para a retirada do lixo acumulado. Tan pronto como se remate a limpeza dos areais o traballo continuará polos parques Miguel Hernández, explanada TIR, Cavadelo e outras zonas de esparexemento non incluídas na “zoa húmida.”

O operativo terá unha segunda fase que comezará unha vez rematada a Festa da Auga, será entón cando os operarios municipais se despracen as rúas do centro da vila para deixalas en perfecto estado de cara ao inicio da procesión de San Roque e os demais actos festivos que se desenvolverán pola noite. A achega de Cespa será aquí maior xa que reforzará as labores de limpeza con medios humanos e materiais. Utilizaranse máquinas varredoras 3 de baldeo, camións de recollida de lixo e unha cisternas de baldeo. Como novidade, este ano as rúas e espazos públicos baldearanse con auga mesturada cun desinfectante aromatizado. Con isto preténdese evitar os problemas de malos olores que se rexistraron de forma intensa o ano pasado en determinadas zonas.

Dende o Concello prégase a máxima colaboración e civismo por parte das persoas que participen nas celebracións. Pídese que utilicen os contedores para depositar o lixo a efectos de que as labores de limpeza e recollida se poidan realizar coa máxima celeridade e permitir así que outras persoas poidan gozar polo día dos espazos públicos en boas condicións. Tamén se pide á xente que sexa respectuosa co mobiliario, os bens públicos e os operarios que están traballando para que os demais poidan gozar das festas.

Quendas de mañá e tarde os restantes días

En canto aos restantes días das festas, as labores de limpeza tamén se intensifican no casco urbano, parques e zonas onde se celebren actos festivos. Haberá persoal encargado da limpeza, tanto en horario de mañá como de tarde.

13 de agosto de 2013 | 20:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.