Oito xóvenes colaboraron co Concello de Ares impartindo clases de balde a cativos de familias con problemas económicos
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, acompañado por concelleiros do equipo de goberno, quixo esta mañá agradecer persoalmente o traballo totalmente voluntario realizado durante o mes de agosto por parte dun equipo de mozos e mozas recentemente licenciados, que impartiron clases particulares de balde a nenos e nenas de familias con escasos recursos económicos do municipio. Os docentes foron recibidos polo rexedor nun sinxelo acto de agradecemento, no que ademais de recibir un pequeno agasallo, os mestres asinaron no Libro de Ouro do Concello, no que deixaron testemuña desta xenerosa e importante iniciativa.
Así o destacou o propio Iglesias, que subliñou o ofrecimento realizado polos oitos mozos e mozas nuns tempos moi difíciles e nos que estes pequenos, sen a axuda do equipo de voluntarios, non poderían ter acceso a clases particulares e especializadas, como foi o caso. O alcalde socialista destacou o xesto destes mozos e mozas e agardou que os beneficiarios desta iniciativa recollan agora os seus froitos.
As clases, nas que participaron un total de once nenos e nenas de 4º de Primaria a 1º de Bacharelato, impartíronse durante o mes de agosto na Casa da Xuventude, en horario de mañá, durante dous ou tres días á semana. Así mesmo, os rapaces recibiron formación dúas ou tres horas por clase.
Con esta iniciativa, o Concello, a través da área de Servizos Sociais, pretendía garantir que todo o alumnado, con recursos ou non, poidera acceder aos mesmos servizos durante o verán, nomeadamente nunha época como esta de crise económica que conleva que moitas familias non dispoñan dos recursos necesarios para que os seus fillos e fillas cursen clases de apoio ou de preparación dos exames de setembro.











