Obras nos campos de fútbol da Barcala e Cecebre

Marcha das obras
A Concellaría de Deportes está a levar a cabo dúas importantes obras nos campos de fútbol da Barcala e Cecebre. En concreto no campo municipal da Barcala grazas á colaboración da Deputación dá Coruña estase a executar unha obra que contempla novos vestiarios, unha obra demandada dende hai tempo polos equipos e usuarios do campo que só contaban con dous vestiarios a pesar de que se xogaban varias competicións no mesmo día. A obra incluída nos presupostos acométese durante o mes de agosto debido a que neste período estival as competicións aínda non comezaron. Espérase que a obra estea executada a finais deste mes tal e como asegurou o edil de Deportes, Fernando Caride, que hoxe visitou as obras.
Por outro lado, no campo de Cecebre acometeuse unha obra hidráulica co obxectivo de mellorar a drenaxe da superficie que debido á súa situación, (áchase entre varios regatos) durante o inverno se empoza con frecuencia. Así mesmo, erguerase a próxima semana para resementalo co fin de que o novo céspede sementado estea en condicións de ser pisado a principios de setembro.
“Trátase de dúas obras importantes que mellorarán o estado de ambos os dous campos. Son obras demandadas dende fai xa tempo polos clubs que xogan alí cada fin de semana. No caso de Cecebre haberá que observar a drenaxe que se colocou durante o inverno para comprobar que xa non se encharca, pola contra haberá que pensar nunha solución máis drástica”, apuntou Caride.
“No caso dos vestiarios da Barcala tratábase dunha necesidade imperiosa xa que con dous únicos vestiarios os deportistas tiñan que compartilos en determinadas xornadas e era moi necesaria a súa construción”, destaca o edil popular.











