Obras no CEIP da Barouta e acondicionamento do parque infantil e do pavillón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+
Vista do parque infantil

Vista do parque infantil

O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou esta mañá as instalacións do CEIP de Barouta, onde neste último mes a Xunta de Galicia, a petición do Concello de Ames, acometeu traballos de mellora e acondicionamento do parque infantil e do pavillón do centro educativo. En total, as obras realizadas no centro educativo tiveron un orzamento superior aos 11.000 euros.

Na súa visita, o concelleiro, que estivo acompañado do director do centro, Jesús Seage, puido comprobar o resultado da ampliación do parque infantil do CEIP e a instalación dun aseo no interior do pavillón deportivo. O obxectivo destas obras, moi demandadas polo Concello e por toda a comunidade educativa, é mellorar as instalacións coas que conta o centro, ao que o vindeiro curso 2013-2014 asistirán un total de 212 alumnos/as, dos que preto de 90 son de Educación Infantil.

A posta en marcha destas obras prodúcese despois da visita realizada o pasado mes de maio a Ames do xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana Leira, que puido coñecer da man do alcalde e do concelleiro a situación e as necesidades dos centros educativos do municipio. Nesa xornada, o xefe territorial achegouse a algúns dos centros educativos de Ames, entre os que se atopaba o de Barouta.

Investimento en centros educativos

Bernardo Moar destacou as xestións realizadas polo Concello de Ames para que se puideran levar a cabo durante o verán estas obras no CEIP de Barouta. O concelleiro subliñou ademais que estes traballos se unen aos que o Concello, a través dun convenio asinado coa Deputación da Coruña, acometerá en centros educativos do municipio. Nestas obras, que contan cun orzamento total de 50.476,55 euros, inclúense actuacións no CEIP de Barouta, o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Guimaráns, Tarroeira e Agrón.

O concelleiro de Educación destacou que o actual Goberno municipal potenciou nestes dous últimos anos o CEIP de Barouta, “realizando un importante esforzo económico e material”. Neste sentido, lembrou que doutouse ao centro educativo dun servizo de comedor e dos servizos complementarios (Bos Días Cole e Tardes Divertidas) cos que contaban o resto de centros educativos. Ademais, levouse a cabo o peche do pavillón.

Bernardo Moar fixo fincapé tamén no importante incremento da matrícula experimentado nos últimos anos no CEIP de Barouta, chegando a duplicarse na etapa de Infantil, que conta con preto de 90 alumnos/as.

13 de agosto de 2013 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.