O xoves celebrarase o trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O campo da Veiga, en Naraío, acollerá este xoves a partir das 18.00h. a 19ª edición do Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño, na que participarán os dous clubes locais -o San Sadurniño e o Naraío- xunto co Cabreiros de Xermade. Os encontros disputaranse nun triangular en que poderemos ver as novas incorporacións e as liñas mestras do xogo de cara á liga 2013-14.

Os encontros comezarán ás 18.00h. co partido entre o San Sadurniño e o equipo da SCD Cabreiros. Este último compite no grupo 3 da 1ª Autonómica e na pasada temporada quedou situado na parte media da táboa correspondente á provincia de Lugo.

O segundo partido xogarase ás 19.00h co enfrontamento entre o perdedor do primeiro encontro e o Naraío. O último partido empezará ás 20.00h e xogará o equipo anfitrión -o Naraío- contra o gañador do San Sadurniño-Cabreiros.

O XIX Trofeo Concello de San Sadurniño serviralles aos dous equipos locais para ir quentando motores de cara á temporada que comeza para o Naraío o 29 de setembro en Ortigueira e o 13 de outubro en Moeche para o San Sadurniño. Ademais, tamén lles presentarán ás afeccións as novas incorporacións que se produciron nun e noutro clube. A próxima temporada o Naraío continuará en 2ª mentres que o San Sadurniño participa na 3ª Autonómica.

13 de agosto de 2013 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.