O voceiro municipal coruñés asegura que “O incendio da planta de Nostián non beneficia nin a empresa nin a traballadores”
O voceiro municipal, Julio Flores, asegurou esta mañá que o incendio da planta de Nostián “non” beneficia nin a empresa nin a traballadores”. Neste sentido recordou que o incidente da madrugada do martes puido finalizar nunha gran catástrofe ao producirse preto duns depósitos de metano: “Nin empresa nin traballadores gañan nada tirándose os trastes á cabeza. O que pido é a máxima dilixencia na investigación para identificar os autores e poñelos a disposición xudicial para que paguen xudicialmente por ese auténtico atentado”, sentenciou.
Flores explicou que cada unha das partes implicadas na folga, empresa e comité, defenden o seu e engadiu que, como voceiro municipal, o seu deber é defender o interese dos cidadáns: “Os representantes dos traballadores e as empresas defendes os seus intereses particulares e o Goberno municipal os de de 250.000 coruñeses. Ao voceiro do goberno municipal nin se lle puiden ameazar nin váiselle calar, seguirá defendendo o interese dos coruñeses por enriba do interese particular dunha empresa ou dun comité. E así o seguiremos facendo, malia quen lle pese,” sinalou.
O voceiro municipal reiterou que ademais do mes de folga, o conflito dura xa oito meses: “Se as dúas partes non souberon chegar a un acordo despois de oito meses parece razoable outorgarlle á mediadora da Xunta de Galicia a capacidade para presentar unha proposta vinculante que resolva o problema. Non se pode eternizar esta situación. Hai elementos abondo na mesa de negociación para alcanzar un acordo. Insistimos: que deixen de tirarse os trastes á cabeza e se senten nunha mesa, pechen a porta do cuarto e non se levanten ata alcanzar un acordo”, afirmou.
Flores lamentou, unha vez máis, o papel da oposición que non estivo “á altura da situación nin da cidade” e, fronte ás acusacións de que o Concello defende a postura da empresa, recordou que foi o goberno socialista quen contratou á concesionaria e que foi o bipartito quen un mes antes das eleccións municipais o recoñeceu unha débeda de 30 millóns de euros: “Este Goberno municipal sofre as consecuencias e agora facemos o que hai que facer: unha auditoría para comprobar o estado económico e operativo da planta e tratar de mellorar en materia de reciclaxe”.
Neste sentido, Flores informou de que se están a valorar os danos na planta de Nostián para ter canto antes as conclusións e reorganizar o traballo para seguir prestando o mesmo servizo aos cidadáns: “O incendio xunto cun mes de rodas picadas, colectores queimados, incendios en puntos limpos e o reforzo da recollida suman un custo próximo ao millón de euros. É unha auténtica barbaridade e por iso esiximos que se senten para alcanzar unha solución”.











