O Victoria C.F. organiza o XV Torneo Victoria “Memorial Moncho Rivera”
O Victoria C.F. un ano máis (xa son 15 as edicións), organiza o XV Torneo Victoria “Memorial Moncho Rivera”, que un ano máis conta co patrocinio da firma “Estrella Galicia” e a colaboración do Excmo. Concello da Coruña, a Federación Galega de Fútbol e o Comité Técnico de Árbitros de Fútbol de Galicia.
Un ano máis, participarán unha representación das mellores “canteiras” de Galicia en cada unha das categorías que se concretan na programación.
Quince partidos e dez Clubs invitados, competirán ao longo de todas as xornadas programadas e que comezan este sábado 31 de agosto, finalizando co partido “estrela” o vindeiro 11 de setembro entre os equipos do R.C. Deportivo “B”, Rápido de Bouzas C.F. e o Victoria C.F. senior, acto que culminará o evento coa presentación de todos os equipos de F-11 do Victoria C.F. e que este ano se eleva a 10 equipos nas diferentes competicións organizadas pola Federación Galega de Fútbol.
Agárdase que este ano volva a ser un éxito tanto no plano competitivo como no social, non en vano unha edición máis este evento mantén o seu carácter social e benéfico orixinario, á marxe do deportivo, realizándose diferentes accións encamiñadas a recaudar fondos para a “Cociña Económica”, entidade emblemática que realiza diariamente unha función básica e asistencial cos máis desfavorecidos da cidade.











