O turismo nacional lederou a actividade no sector durante o mes de xullo
A actividade turística rexistrada o mes de xullo en Vilagarcía caracterizouse por estar maioritariamente liderada polos visitantes de orixe nacional, segundo se deduce das estatísticas elaboradas pola Oficina Municipal de Información Turística. O 74,2% das persoas atendidas no centro procedían de diferentes puntos da xeografía nacional, seguidos de lonxe de galegos, que representaron o 18;1%, e de estranxeiros que acadaron o 7,68%. Por outra banda, o número de usuarios atendidos na Oficina de Información o pasado mes incrementouse bastante respecto ao ano anterior.
O persoal da Oficina de Información Turística da Peixería atendeu no mes de xullo a case 900 persoas máis que durante o mesmo mes do ano anterior. En 2012 o número de turistas que se achegaron a solicitar información ao servizo municipal foi de 1.948, mentres que en xullo deste ano a cifra acadou as 2.839 persoas. Segundo as estatísticas que manexa esta oficina, o resultado obtido o pasado mes foi o máis elevado dende 2006 para este período. A estas cifras hai que engadir as consultas atendidas no punto de información turística do CIRA, que rondou as 1.000, manténdose nun nivel similar ao do ano pasado.
Navegantes de recreo e cruceiristas
A través das enquisas que realizan aos turistas que acoden á Oficina da Peixería a realizar consultas de tipo turístico, o persoal do servizo tamén detectou que en xullo notouse un incremento de visitantes estranxeiros, especialmente franceses e ingleses. Outro aspecto a ter en conta neste grupo é que, boa parte deles utilizaron o barco como estancia e medio de transporte. Isto débese tanto á afluencia de visitantes que chegan en embarcacións de recreo e que atracan no peirao deportivo, como aos cruceiristas.
Francia (co 38,46%) e Gran Bretaña (co 10, 58%) foron os países que aportaron o maior número de turistas estranxeiros a Vilagarcía en xullo. Séguenos Bélxica (6,73%), Suiza (6,25%) e Arxentina (5,29%), ata completar un total de 17 países representados na estatística.
Outra das conclusións que se extraen da análise das estatísticas dos últimos anos, é que en xullo tamén se computou un maior número de excursións organizadas que trouxeron á cidade a turistas de orixe nacional.
Estes dous ítmes explican en parte que do total de visitantes atendidos nas oficinas, máis da metade (ó 65,76%) estaban de paso, mentres que o 34,4% restante tiña elixido Vilagarcía como destino das súas vacacións e permanecía aloxado no municipio.
En canto ao turismo de orixe nacional, polas dependencias da peixería pasaron turistas de 16 comunidades autónomas diferentes. Os máis numerosos, os procedentes de Castela-León (24,92%) seguidos dos de Madrid (18,72%) e País Vasco (13,87%). Nun segundo grupo sitúanse os visitantes da Comunidade Valenciana (10, 97%), Castela A Mancha (6,6%), Andalucía (5,8%) e Cataluña (5,61%).
Os visitantes procedentes de municipios da provincia de Pontevedra representaron a metade do turismo de orixe galego que se pasou por Vilagarcía en xullo. Dos restantes, a provincia da Coruña foi a que aportou máis visitantes, co 33,46%, seguida da de Lugo 9,34% e Ourense 7,2%.
En relación ao aloxamento, destaca o número de turistas que en xullo optou polo aluguer de vivenda (36,71%), seguidos de xeito bastante igualado polos que elixiron o cámping (16,32%), os que recorreron á casa de familiares (16,76%) e os que dispoñían de segunda vivenda na cidade (14,22%). Só un 8,93% aloxouse en hoteis e un 2,54% en hostais; mentres que o 3,42% dos turistas enquisados aloxábase en barco.











