O Torneo de Tenis de Ribadumia contará coa participación de 96 deportistas da provincia
A Concellería de Deportes organiza a décimo quinta edición do Torneo de Tenis Concello de Ribadumia, que se disputa do venres 9 ao 17 de agosto nos pavillóns de Ribadumia e de Sisán. 96 tenistas de toda a provincia estarán nesta proba, que se disputa nas modalidades xuvenil masculina e feminina para menores de 14 anos; e, para maiores desta idade, absoluta e dobres, masculinas e femininas.
A Concellería de Deportes de Ribadumia conmemora este ano a décimo quinto edición do torneo, convertida nunha cita deportiva de referencia no municipio e para moitos tenistas da comarca. Entre eles estarán os alumnos da Escola Municipal de Tenis de Ribadumia, que terán neste torneo unha oportunidade para amosar a súa destreza coa raqueta e demostrar todo o aprendido durante o curso. Por categorías, 72 persoas participarán na categoría absoluta individual e dobres, mentres que a categoría xuvenil está composta por 24 nenos
O campionato comezará o venres ás 16.00 horas nos pavillóns de Ribadumia e de Sisán. A organización encargouse de informar persoalmente a cada participante dos horarios dos seus partidos, xogándose a final o sábado 17 ás 18.00 horas no Pavillón de Ribadumia.
A celebración do Torneo de Tenis Concello de Ribadumia inclúese dentro do compromiso da Concellería que dirixe Jorge Abal de espertar o interese dos veciños por diferentes modalidades deportivas a través da organización de competicións e de actividades, da dotación e mantemento de calidade das instalacións deportivas e do apoio ós clubs locais. “Podemos sentirmos orgullosos polas numerosas actividades e competicións que estamos a organizar desde o Concello de Ribadumia, e pola resposta que temos de todos os veciños, que nos alenta para continuar traballando na mesma liña, co mesmo esforzo e co mesmo compromiso”, puntualiza Jorge Abal.
Desde a concellería tamén recordan que xa está aberto o prazo de inscrición para participar o próximo curso na Escola de Tenis Municipal de Ribadumia. As persoas interesadas en participar xa poden reservar a súa praza nas oficinas municipais. Como en anos anteriores, haberá grupos para nenos e para adultos. As clases, que comezarán co curso escolar, desenvólvense no Pavillon Municipal de Ribadumia.











