O titular da Deputación de Pontevedra visita as obras do parque infantil da Xunqueira, en Vilagarcía de Arousa
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou esta mañá o parque infantil da Xunqueira, en Vilagarcía de Arousa, onde veñen de se rematar as obras de mellora e acondicionamento da área de xogos infantís.
A Administración provincial investiu 20.000 euros nestes traballos, que incluíron a colocación dun chan de caucho continuo -evitando así os problemas de levantamento que a miúdo ocasiona o de lousas de caucho- e a instalación de novos elementos de xogo para os máis pequenos. Trátase dun parque de nova xeración, con varios tobogáns, “colgamonos” ou rocódromo.
A esta actuación sumarase proximamente a que a Deputación ten previsto acometer nas dúas áreas de xogo infantil do parque Miguel Hernández, onde tamén se substituirá o chan de area por un de caucho e se instalarán novos xogos para os nenos de menos idade.
Pola súa banda Rafael Louzán valorou o deseño do parque e, en especial, o chan continuo que, tal e como salientou, é o que está a colocar maioritariamente a Deputación porque diminúe os problemas de conservación, é máis limpo e, tamén, é mellor para facilitar o emprego por persoas con mobilidade reducida.
O presidente da Deputación anunciou a entrega ó Concello de Vilagarcía de Arousa a próxima semana dun tractor con diversas rozadoiras para que poida comezar a limpar pistas, camiños rurais e outras áreas e a próxima adxudicación das obras de reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Vilaxoán.











