O seminario “o medio natural como ferramenta para o emprendedor” formará a 31 xóvenes
Profesionais e expertos en distintas areas relacionadas co medio ambiente e a creación de empresas actuarán de poñentes no seminario formativo “O medio natural como ferramenta para o emprendedor” que se desenvolverá o luns e o martes no Auditorio. A Concellería de Xuventude e Voluntariado organiza a actividade que ten como obxectivo promover a creación de emprego entre a mocidade mediante o aproveitamento dos recursos naturais dende as súas diversas perspectivas.
Trinta e un mozos e mozas desempregados de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos participarán na acción formativa enmarcada nas liña de iniciativas que promove o departamento dirixido por Sandra García co obxectivo de tratar de paliar os elevados índices de paro que afectan á mocidade. Para garantir o cumprimento deste obxectivo buscouse un nicho de emprego, o relacionado cos recursos naturais e medioambientais, que ten moitas posibilidades nesta zona onde aínda está por desenvolver o seu elevado potencial. A actividade foi acollida con moito interese, xa que as 20 prazas ofertadas tivéronse que ampliar ata as 31 para dar cabida á demanda existente. Como todos os cursos e accións formativas que organiza Xuventude, a inscrición neste seminario tamén foi de balde.
O seminario formativo comeza o luns ás nove da mañá coa intervención de Genma Carracedo Varela, xerente da empresa Servicios Medioambientales Integrados, que falará aos alumnos sobre “Os recursos forestais e paisaxísticos e as posibilidades profesionais que ofrecen”. Ás dez e media da mañá collerá o relevo o Enxeñeiro Agrónomo do Pazo de Rubiáns, Guillermo Hermo, que dende a súa perspectiva co o promotor de paquetes turísticos que se prestan dende o Pazo, falará sobre “Os recursos turísticos da zona (adegas, pazos, paisaxe, cultura e tradición).
Tras o descanso que se prolongará dende ás 12 ata as 12:30 horas, retomarase a actividade coa última ponencia do día, a que impartirá a Formadora Ocupacional, María José Fresco López, que dirixirá un Obradoiro de emprendeduría.
A segunda xornada do seminario formativo terá lugar o martes e comezará ás 9 da mañá coa ponencia sobre “Aproveitamentos divulgativos e recreativos do noso medio litoral” que ofrecerá Manuel Domínguez, xerente da empresa Ventos. Ás 10:45 farase unha pausa de media hora tras a cal terá lugar a intervención do Director Conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández, que centrará a súa exposición no “Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas (Illa de Cortegada) e as posibilidades profesionais que ofrece.
O programa do día continuará ás 13:00 horas coa avaliación do seminario e o acto de clausura.
Con este seminario, a Concellería de Xuventude pretende que os mozos exploren a creación de emprego a través de iniciativas de aproveitamento turístico e sostible, como á agricultura ecolóxica, o ecoturismo, o enoturismo, o turismo rural e outro tipo de saídas profesionais vinculadas o noso medio natural e os recursos mariños e paisaxísticos dende o punto de vista productivo, lúdico e de ocio.
Aparte de amosarlle aos alumnos as posibilidades profesionais que ofrece o noso medio natural, no seminario tamén se lles prestará asesoramento e a axuda para poñer en marcha unha idea de negocio ou un proxecto empresarial relacionado con esta temática. Para elo traballaranse aspectos como a iniciativa, a capacidade de risco, a creatividade ou a confianza nun mesmo, a análise do mercado, a constitución dunha empresa, o plan de viabilidade e as subvencións, entre outros aspectos.











