O selo de Termatalia promove un curso de capacitación en Lima

Presentación en Lima
Froito da colaboración entre TERMATALIA e o Ministerio de Comercio Exterior e Turismo de Perú (MINCETUR), desenvolveuse na cidade de Lima un Curso de Capacitación Termal orientado a afondar na xestión dos recursos termais e as oportunidades de negocio que xera o Turismo da Saúde.
Esta acción responde ao convenio de cooperación que TERMATALIA e o MINCETUR manteñen dende o pasado ano, coincidindo coa celebración da feira termal en Perú.
Representantes municipais e privados déronse cita nesta xornada, cuxa inauguración e clausura correu A Cargo da Directora Nacional de Desenvolvemento Turístico, Jessica Soto.
Esta acción serviu de marco para que o director de TERMATALIA, Alejandro Rubín, expuxese os resultados obtidos na feira “Termatalia Perú 2012, Auga e Natureza” e as novas oportunidades de negocio que existen no sector a nivel mundial. O curso contou tamén coa participación da Dr.a Ana Luisa Ladeiras, membro do Comité Asesor da feira. Ladeiras foi autora das exposicións sobre “Xestión Municipal e Administración de recursos termais” e “Oportunidades de negocio en espazos de uso termal”.
Perú, que o pasado ano acolleu a primeira edición de TERMATALIA fóra de Ourense, será o país invitado na edición de 2013 (do 20 ao 22 de setembro). Con abundancia de mananciais e importantes recursos naturais, é un dos países de América Latina con maior potencial termal, o que o converte nun destino do Turismo da Saúde e o Benestar de primeira orde pola que están a apostar os seus municipios.
No país existen máis de 500 fontes termais distribuídas por todas as súas rexións, das cales 242 foron estudadas polo Instituto Xeolóxico Mineiro-Metalúrxico (INGEMMET) e contan con potencialidade de ser aproveitadas, ademais de moitas outras que están aínda sen analizar.
O desenvolvemento do Turismo Termal é unha das prioridades do Viceministerio do Turismo peruano. O MINCENTUR xa levou a cabo distintos pasos encamiñados a promover e impulsar este sector, como apostar por Perú como sede de TERMATALIA o pasado ano ou o deseño de seis proxectos claves para o investimento privado en turismo de Saúde.
Perú traballa nun Plan Estratéxico a alcanzar en 2021 que fixa como un dos seus obxectivos posicionarse como destino de oferta termal única e competitiva de clase mundial. O obxectivo de chegadas ás termas peruanas para ese ano está fixado nos 3,7 millóns.











