O recinto feiral da Estrada impulsa a competitividade e a xeración de postos de traballo nas empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocalLocal PortadaPontevedraProvincias
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria vén de renovar o seu compromiso co Recinto Feiral da Estrada como un dos principais dinamizadores da economía da comarca, a través dun convenio asinado coa Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada que permitirá a celebración de eventos como a Feira do Moble de Galicia, prevista para o mes de setembro.

O acordo responde á vontade da Dirección Xeral de Comercio de potenciar a mellora da competitividade do recinto feiral e a posta en valor dos seus recursos, como forma de favorecer o desenvolvemento comercial de Galicia e como eixo para potenciar un sector de grande importancia na cadea de valor da madeira, o da fabricación de mobles. Precisamente a Feira do Moble fai da Estrada a capital do moble galego, un área de actividade que non só xera un importante consumo interno, senón que permite a Galicia vender ao resto de España e a outros países produtos por valor de máis de 210 millóns de euros.

O acordo de colaboración permite ademais impulsar a celebración doutras citas clave para o recinto de feiras estradense, a Feira de Antigüidades e a Feira de Oportunidades do Comercio, que suman na dinamización económica da comarca como plataformas de venda, e para que autónomos, microempresas e emprendedores poidan atopar novos clientes e oportunidades de negocio.

Co convenio, a Consellería de Economía e Industria reafirma ademais o seu compromiso no impulso de recintos eficientes xeradores de riqueza no seu entorno. Exemplo do beneficio inmediato para os participantes nas feiras de A Estrada son as compras que fan os propios visitantes: máis do 60% das persoas que asistiron á Feira do Moble de 2012, por exemplo, mercaron algún produto. A isto súmaselle o beneficio turístico para a zona: o ano pasado máis do 10% deses visitantes pernoctou na Estrada, unha cifra que mostra como o traballo da Fundación contribúe na proxección exterior da provincia e de Galicia.

O novo convenio de colaboración, que conta cun orzamento de case 50.000 euros dos que a Xunta achega máis do 90%, permite ao Recinto Feiral da Estrada manter o seu importante papel no desenvolvemento económico de Pontevedra, potenciando o crecemento, o comercio, e apoiando aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas.

23 de agosto de 2013 | 22:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.