O Real Club Náutico de Vigo presentou a Semana do Atlántico Cidade de Vigo

Presentación da Semana do Atlántico Cidade de Vigo
O Real Club Náutico de Vigo presentou hoxe a Semana do Atlántico Cidade de Vigo XXXVIII Trofeo Martín Barreiro, regata que congregará 520 tripulacións e máis de 650 regatistas na ría de Vigo. A cita, que nesta nova edición se celebrará entre o 25 de outubro e o 3 de novembro, converteuse nunha das regatas máis relevantes da vela lixeira internacional.
Ao acto asistiron Abel Caballero, Alcalde de Vigo; Marta Igrexas, Deputada Provincial de Pontevedra; María José Bravo, Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Manuel Villaverde, Presidente da Federación Galega de Vela e Viviana García, Presidenta do Real Club Náutico de Vigo. Xunto a todos eles, unha nutrida representación de novos regatistas vigueses que non faltarán á cita internacional.
Viviana García abría o acto facendo referencia, xustamente, aos regatistas da Escola de Vela xa que, en palabras da Presidenta do Real Club Náutico de Vigo, “a Semana do Atlántico Cidade de Vigo é algo máis que unha regata, xa que ademais de que os nenos aprenden máis do deporte da vela e doutros regatistas, comparten tamén experiencias con rapaces doutros países como Lituania, Reino Unido, Irlanda…, ademais de competidores chegados doutras rexións españolas. Isto implica polo tanto un enriquecemento cultural, coñecendo outras formas de vivir e outros costumes. Dende o Real Club Náutico de Vigo estamos moi contentos de que continúe así e intentaremos que cada ano sexa mellor”.
Abel Caballero, fixo referencia á capacidade dos novos regatistas que se darán cita no Real Club Náutico de Vigo xa que, en palabras do rexedor vigués: “O deporte xera disciplina, capacidade e tesón. Estando no medio da ría, os deportistas entenden o grande que é e desenvolven a capacidade de responsabilizarse. Nesta sociedade moderna na que a atención aos mozos é ás veces de sobre-protección, cando chegan ao mar válense por eles mesmos, toman decisións, responsabilízanse delas e sobre todo son capaces de competir e gañar. E isto é o que hoxe presentamos aquí: a afección, o mar, a vela… Quiero felicitar o Real club Náutico de Vigo por esta esperanza de manter viva a vela de outono. Non é tarefa doada e dende a cidade de Vigo querémolo recoñecer. Bastante mérito tedes de mantelo, levalo adiante e facer que sexamos referente da vela de Europa durante estes longos dous fins de semana. Imos participar e tamén gañar”.
Pola súa banda, Marta Iglesias quixo mostrar o apoio da Deputación Provincial de Pontevedra tanto ao deporte base coma ao Real Club Náutico de Vigo polo labor que, dende hai máis de cen anos, vén realizando. “Quero felicitar á directiva do Real Club Náutico de Vigo e aos organizadores, despois deste ano tan duro e complicado, por ese traballo realizado e que continúa en pro da supervivencia deste club, así como por seguir apostando por estas actividades náuticas deportivas que fan que, ao final, esta xestión brille. Como representante da Deputación de Pontevedra quero mostrar o meu apoio incondicional a probas como esta, tal e como vimos facendo en anos anteriores, pero este ano con máis razón polos motivos que dicía,”.
A Deputada Provincial concluía afirmando tallante: “Nós continuaremos apoiando o Real Club Náutico de Vigo e á vela”.
A Semana do Atlántico Cidade de Vigo máis internacional
En palabras do Manuel Villaverde, Presidente da Federación Galega de Vela, a Semana do Atlántico Cidade de Vigo é “un dos eventos máis importantes” a nivel nacional e, por suposto, é o evento máis importante a nivel galego. Tanto dende a R.F.E.V. como dende a F.G.V, tedes todo o noso apoio”.
Non en van, xa confirmaron a súa presenza no Meeting Internacional de Optimist, prato forte da Semana do Atlántico Cidade de Vigo, regatistas de Portugal, Inglaterra, Bélxica, Francia, Irlanda, Dinamarca, Polonia, Lituania, Singapore e Brasil, ademais de España, tal e como confirmaba Fernando Giraldo, Director Técnico da Regata quen explicaba como se desenvolverá esta nova edición: “Este ano reduciuse a regata de tres a dous fins de semana longos. O primeiro, o do 26 e 27 de outubro, estará dedicado ás clases dobres -420, Snipe, Vaurien e Cadete- e Láser, onde vai estar mesmo o equipo preolímpico nacional ademais dunha gran representación portuguesa. Entre semana haberá o Clínic de Optimist, que se recuperou coa importancia que se lle daba e é que grazas a el o Meeting Internacional de Optimist alcanzou fama. Realmente foi o primeiro Meeting que se fixo en España, o de Vigo de 2005,”.
650 regatistas na ría de Vigo
Entre o 25 de outubro e o 3 de novembro a ría de Vigo encherase de velas e, segundo as últimas estimacións espérase que a Semana do Atlántico Cidade de Vigo acolla “520 barcos, 650 tripulantes que, nunha época desestacionalizada, reverterá na cidade e a hostalaría” explicaba Fernando Giraldo.
Ante estas cifras, o Comité Organizador púxose mans á obras e entre o 25 e o 27 de outubro a prestixiosa regata galega disputarase en dúas áreas, “nunha estarán os Láser e os 420 xa que navegan nun percorrido en forma de trapecio; e noutra estarán os barcos que usan un percorrido en forma de triángulo, como os Snipe, Cadete e Vaurien” explicaba Fernando Giraldo quen, a continuación, se refería ás áreas dedicadas á frota de Optimist, que navegará na ría de Vigo entre o 31 de outubro e o 3 de novembro: “Terán dous campos de regatas: un para os grupos A e B -os profesionais, aínda que non chegan nin aos 14 anos- e outro para os máis novos, nunha zona máis protexida,”.











