O Racing e o Deportivo xunil enfrontaranse no trofeo de fútbol Concello de Ares
Os concelleiros de Deportes, José Juan Vilar, e Servizos Sociais, Victoria Montenegro, o directivo do Numancia Xoán Vázquez, e os xogadores aresáns do Racing Xuvenil Edu Iglesias e Borja Vilasánchez presentaron esta mañá a que será a edición número 26 do trofeo Concello de Ares. O torneo, que organiza o clube Numancia coa colaboraciónda administración local, terá lugar o vindeiro domingo, día 25, a partires das seis da tarde no campo municipal de Prados Vellos.
Como explicaron na rolda de prensa, o acceso ao encontro será de balde. Nembargantes, as persoas que desexen colaborar co clube de fútbol local poderán facelo, xa que a entidade porá á venta rifas, que se poderán adquirir á entrada do partido.
O Racing Xuvenil e o equipo de División de Honra do Deportivo da Coruña serán os que, nesta ocasión, protagonicen o evento. Ademais dos dous rapaces que compareceron na rolda de prensa desta mañá, no cadro ferrolán xogan outros dous mozos de Ares, mentres que no caso do Deportivo hai tamén un xogador local.
Este trofeo non será o único, xa que o directivo do Numancia anunciou que os días 31 de agosto e 1 de setembro disputarase o segundo trofeo do verán, o “Concello de Ares” de afeccionados. A este respecto, Xoán Vázquez informou de que mentres que o día 31 celebraranse os encontros entre Mugardos B e Eume e Numancia fronte o Orillamar, o día 1 de setembro terán lugar os partidos polo terceiro e cuarto posto, así como a final.











