O programa coruñés de inclusión social atendeu 600 citas durante o primeiro semestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, informou esta mañá do balance do programa municipal de inclusión social, que nestes primeiros seis meses atendeu máis de 600 citas e iniciou intervención social cun total de 81 persoas: “Se trata dun programa posto en marcha en 2013 coincidindo coa creación do Equipo Municipal de Inclusión Social (EMIS) e cuxo obxectivo é conseguir a inserción social e laboral das persoas en situación de exclusión social”, afirmou Lorenzo.

Tal e como explicou, este primeiro semestre, no que xa se programaron citas, atencións e reunións, serviu para sentar as bases do programa, polo que ademais de formar o equipo profesional especializado, elaborouse o programa de actuación, realizáronse os primeiros contactos para crear unha rede coas entidades da cidade coas que se pode colaborar nesta materia e púxose en marcha o Servizo Municipal de Atención Inmediata a Persoas Sen Fogar co que o Concello da Coruña busca atender as demandas máis urxentes e mellorar a atención dos cidadáns que se encontran nesta situación de risco de exclusión social.

“Neste primeiro semestre o equipo atendeu 615 citas, realizou 26 rutas de rúa e mantivo 50 reunións con entidades”, resumiu Lorenzo quen engadiu que neste tempo se iniciou intervención social con 81 persoas. Foron tramitadas 49 axudas, das que o 85% se destinaron a aluguer dun cuarto.

Lorenzo destacou que o programa busca a inserción social, pero tamén laboral, xa que “unha leva a outra”. Nesta liña, do total de usuarios, máis da metade foi atendido pola orientadora sociolaboral e grazas a este servizo, 5 usuarios lograron un emprego e 27 melloraron a súa formación.

Dentro do traballo do Equipo Municipal de Inclusión Social (EMIS) creouse o Servizo Inmediato de Atención para Persoas en Situación de Rúa. Este realiza un exhaustivo traballo co fin de manter actualizada unha base de datos coa información sobre as persoas sen fogar. Para conseguilo está en contacto permanente coa Policía, con outras entidades e realiza xiras de observación: Como xa dixen noutras ocasións, o obxectivo é informar estas persoas de todos os recursos que teñen ao seu alcance, xa que non podemos obrigalas a ir a un albergue se non queren. Antes este tipo de programas eran moi tramitadores, agora faise un traballo de rúa. Vaise localizar estas persoas para convencelas de que existe unha saída e para ofrecerlles participar no programa”, subliñou. Neste período, o EMIS interveu en 52 ocasións no caso de persoas que dormen na rúa e en 17 casos con persoas que dormen en vivendas desocupadas ou outras localizacións.

O responsable de Servizos Sociais destacou o intenso traballo realizado con máis de 25 entidades da cidade co último obxectivo de crear unha rede municipal que permita un maior coñecemento da situación e unha coordinación total a través de pautas e protocolos de actuación comúns e derivación dos diferentes casos: “Esta cidade é un exemplo de solidariedade e de traballo pola inclusión. Temos os medios, as organizacións e unha administración preparada. Agora só falta que as persoas que poden acudir a estes recursos, o fagan e participen de forma voluntaria”, sinalou e engadiu: “Entre todos conseguiremos mellores resultados”.

Neste sentido, no primeiro semestre un total de 70 persoas beneficiáronse deste servizo que atende e dá cobertura a estes cidadáns que, vivindo na rúa, se encontran ante situacións de urxencia ou de necesidade nas que é preciso actuar coa maior rapidez posible.

O concelleiro finalizou destacando e agradecendo o esforzo que realiza o equipo municipal de inclusión social e, en xeral, os traballadores da área e reiterou que a Concellaría de Servizos Sociais seguirá traballando nesta liña e prestando especial atención aos colectivos máis vulnerables. Recordou que o Concello conta con outros recursos como as axudas de emerxencia social, convenios con institucións e entidades ou cesións de pisos, entre outros.

29 de agosto de 2013 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.