O pregón de Xacobe Pérez e a tradicional ofrenda floral inician as festas de San Roque en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

As festas patronais san Roque 2013 despegan mañá de forma oficial cos actos centrais da lectura do pregón e a tradicional ofrenda floral. O humorista vilagarcián, Xacobe Pérez Paz será o encargado de asomarse ao balcón do consistorio ás 21:00 horas para pregoar as festas e dalas por inauguradas mentres, tras o cal celebrarase a ofrenda ao santo no atrio da igrexa parroquial. Actividades infantís da Festa da Auga, motos, gastronomía e música completan o programa do primeiro día das festas.

A xornada abrirase ás 11:00 horas coas actividades infantís que organiza a comisión da Festa da Auga na Praza de Galicia. Ata as 14:00 horas, nenos e nenas poderán participar nos obradoiros e actividades lúdicas de forma totalmente gratuíta. O ambiente festivo xa empezará a notarse polas rúas da cidade a partir das 12 horas co pasarrúas do grupo de gaitas Mocidade da Torre.

O ruxir das motos será o son predominante dende ás 16:00 horas no recinto de Fexdega, onde se desenvolverán diversas actividades da Concentración Moteira 36.600. Durante toda a tarde haberá inchables para os máis pequenos e un touro mecánico para os os máis ousados. As competicións de motos lentas e de escape máis ruidoso celebraranse ás 18 horas e a exhibición de taekwondo do ximnasio Olimpic será unha hora máis tarde, ás 19 horas. As acrobacias sobre dúas rodas de Nelson Pinha e Jake Stunt comezará ás 21:00 horas e a partir da media noite desenvolverase a Gran festa Nocturna con Jamar Audio. A entrada é libre en todos os actos.

Dezasete colectivos participan na ofrenda

A actividade trasládase ás 21:00 horas á Praza de Ravella onde terá lugar a lectura do pregón a cargo do vilagarcián, Xacobe Pérez Paz, humorista e imitador no programa radiofónico Ai Carmela que chove!, xornalista e fundador e coordinador da Asociación Pura raza Cabalo Galego. Unha vez rematada a lectura do pregoeiro, a comitiva trasladarase ata o atrio da igrexa parroquial para participar na Ofrenda Floral a San Roque. Aparte das autoridades locais, participarán no acto a Banda Municipal de Música de Vilagarcía e 17 colectivos musicais, veciñais e asociacións do municipio.

Nun ambiente máis tranquilo celebrarase a partir das 22 horas nos Petroglifos dos Ballotes de Bamio a II Longa Noite de Pedras, a actividade organizada polo Ateneo de Arousa en colaboración co Concello. Unha arqueóloga explicará xunto aos petroglifos iluminados o significado destas mostras de arte milenaria.

O primeiro día das festas inclúe unha boa oferta gastronómica coa Oktoberfest dos Ingleses, que continúa nas inmediacións de Vista Alegre, e co Viñagarcía, o Salón Gastronómico de Arousa, organizado polo Arosa S.C. E que se desenvolve na Praza da Peixería. A cervexa e os pratos alemáns máis típicos son os protagonistas da primeira, mentres que o albariño concentra a oferta do segundo.

O programa festivo complétase cunha nova sesión do chill out de “Ás nove na praia”, con música, solpores e cócteles nas inmediacións do piñeiral da Concha, e cunha sesión de música e baile a cargo da discoteca móbil da Duendeneta que se instalará na Alameda a partir da medianoite.

9 de agosto de 2013 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.