O porto de Caión abrirase o venres tras finalizarse a execución do proxecto de ampliación do peirao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

As obras da primeira fase da ampliación do porto de Caión xa están rematadas e a nova área será aberta mañá venres pola tarde para uso e disfrute por parte dos veciños da vila e tamén dos turistas e visitantes que se achegan ata a localidade, especialmente durante o verán.

O proxecto, que foi promovido e financiado integramente por Portos de Galicia, organismo dependente da Consellería do Mar e do Medio Rural, supuxo un investimento total de 4,12 millóns de euros, que posibilitaron dotar á localidade de Caión dunha nova fachada marítima, aumentar en 2.200 cadrados a superficie do peirao, crear un novo tramo para peóns con acceso diracto desde a avenida Méndez Núñez e construír unha pasarela peonil no lugar no que anteriormente se situaba o espaldón.

A nova zona ampliada está protexida da forza do mar polos 420 bloques de formigón de 46 toneladas de peso cada un que foron colocados para formar o dique de abrigo. Esta área destinarase, esencialmente, ás embarcacións, dispoñendo dun maior espazo e de novos servizos como as piscinas interiores que contemplou o proxecto.

A actuación realizada en Caión e que agora é xa unha realidade alcanzou os obxectivos fixados polo Concello da Laracha, Portos de Galicia e os deseñadores do proxecto: conxugar a habilitación de novos espazos para facilitar o desenvolvemento da actividade na zona portuaria -tanto dos profesionais do sector pesqueiro como de persoas que posúen unha embarcación de recreo- cunhas solucións de tipo arquitectónico fermosas, que se integran á perfección no entorno, e que ao mesmo tempo ofrecen novas insfraestruturas de utilidade coa creación das áreas reservadas para peóns.

Deste xeito, coa apertura da zona portuaria de Caión, cúmprese unha vella aspiración e un dos obxectivos prioritarios fixados polo goberno local do Concello da Laracha nos últimos anos por considerar a actuación de especial interese ao aumentar a capacidade de amarre para a actividade náutica –pesqueira e recreativa-, mellorar e ampliar os espazos de paseo e descanso para veciños e visitantes e ofrecer novas posibilidades para potenciar o turismo e reforzar a actividade económica na vila.

Desde o Concello da Laracha agradecemos, unha vez máis, o compromiso demostrado da Xunta de Galicia con este municipio, neste caso a través da Consellería do Mar e do Medio Rural e de Portos de Galicia. Tamén valoramos o traballo da empresa que acometeu o proxecto, Construcciones López Cao, pola súa boa adaptación ás desfavorables condicións climatolóxicas que complicaron o desenvolvemento das obras durante varias fases da execución.

8 de agosto de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.