O pleno extraordinario ourensá someterá a debate unha modificación orzamentaria para dar apoio a 42 entidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local acordou, na súa xuntanza desta mañá, a aprobación da modificación de crédito que será sometida a debate polo Pleno do Concello o vindeiro mércores, 14 de agosto, ás 10.00h no Salón de Plenos do Concello, para a súa aprobación inicial e exposición pública polo prazo de 15 días hábiles, durante os que os interesados poderán examinalo e presentar as reclamacións que estimen oportunas. O expediente considerarase definitivamente aprobado se non se presentaran reclamacións.

O Pleno convocaríase oficialmente unha vez rematada a Comisión de Pleno que se celebrará o luns, 12 de agosto, ás 10.00h e cuxo orde do día consta de dous puntos. O primeiro, ratificar a urxencia da convocatoria, e o segundo o mencionado “Expediente de modificación de créditos, modalidade de créditos extraordinarios e suplementos de crédito 2 P/2013”.

O expediente ascende a un total de 8.664.534,24 euros, que se destinarán a dar apoio a 42 asociacións e entidades que desenvolven o seu labor na cidade, acometer investimentos urxentes en melloras de infraestruturas e termalismo e amortizar anticipadamente débeda municipal.

Tomada a decisión de non tramitar un novo orzamento para 2013, e mantendo prorrogado o de 2012, o goberno municipal presenta esta modificación coa finalidade de afrontar gastos que non deben demorarse, e que permitirán dar apoio a entidades, principalmente ONG que traballan no terreo da sáude e o benestar social, xunto con convenios con diferentes entidades (673.237,55 euros) afrontar investimentos urxentes en materia de infraestruturas na cidade e perímetro rural (664.000), acometer as expropiacións necesarias para desenvolver o Ben de Interese Cultural das Burgas (1.050.000), e amortizar débeda (6.262.521,92 euros).

A modificación ascenderá a un total de 8.664.534,24 euros en subvencións, inversións e amortización de débeda

O desglose dos 3 capítulos que contén a modificación é o seguinte:

1 Gastos orixinados por subvencións nominativas que se veñen contemplando con carácter repetitivo nos orzamentos do Concello e que financian actuacións de carácter fundamentalmente social levadas a cabo por institucións sen ánimo de lucro. Estas dotacións orzamentarias facilitarán o normal funcionamento destas intitucións. Estas subvencións, pola súa propia natureza, non son prorrogables, de acordo coa lexislación vixente. Por este motivo, é preciso tramitar unha modificación orzamentaria que lles dé cobertura. Inclúense aquí un total de 42 convenios e acordos de colaboración, con:

a) Asociacións do ámbito da saúde e o benestar social: Irmás dos anciáns desamparados, Aixiña, Asociación de familiares enfermos de Alzheimer, Cruz Vermella, Aspanas, Agrupación de Xordos de Ourense, Discafis, Morea, Asociación diabética Auria, Cáritas Diocesanas, Asociación de amas de casa e consumo, Cadabullo, Asociación de Fibromialxia, Asonffaa, Spes, Asociación de formación de adultos, Asociación contra o cancro, Hemofilia, Alcer, Esclerose Múltiple, Asociación de Discapacitados Ourense, ATOX, Abeiro, Proxecto Home, Comié AntiSIDA, Síndrome de Down e Aspanas Termal.

b) Subvencións á Camara de Comercio e centros comerciais abertos e taxis adaptados a minusválidos, achega para o programa Cultura UE da EHTTA, e convenios con Liceo, Ateneo, Universidade de Vigo (Master DUMA), produtora Vía Láctea, Amencer (Campamento urbano), Federación Limiar, Agrupación Miño, Federación de ANPAs, e Seminario Galego para a Paz. Tamén se inclúe o convenio coa Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Diócese para a rehabilitación da capela dos Remedios, cunha achega de 100.000 euros.

Todos estes gastos, por importe de 673.237,55 euros, financiaranse coa baixa de créditos en partidas do Capítulo 1 (Persoal), cuxas dotacións poden ser minoradas sen perturbación dos servizos aos que dan cobertura.

2. Cinco aplicacións orzamentarias xestionadas pola Concellería de Infraestruturas para posibilitar a realización de actuacións urxentes en perímetro rural, infraestruturas viarias urbanas, ampliación e mellora do alumeado público, compra de maquinaria e un camión de carga con pluma. Estes créditos, por un total de 664.774,77 euros fináncianse con cargo a baixas noutras partidas cuxas dotacións á Concellería considera que deixaron de ter utilidade por estar rematados os proxectos que con cargo a elas estaba previsto levar a cabo.

Tamén se inclúe neste bloque a partida do Plan Especial BIC As Burgas, da Concellería de Urbanismo, para poder levar a cabo as expropiacións que se precisan dentro deste plan como paso previo para rematar o desenvolvemento desta área. O crédito que se dota 1.050.000 euros finánciase utilizando unha parte do remanente de tesorería para gastos xerais posto de manifesto na liquidación do orzamento de 2012, que ascende a 27.499.748,38 euros.

3Ademais, a liquidación do orzamento de 2012 recentemente aprobada pon de manifesto a existencia dun superávit non financiero na liquidación consolidada dos orzamentos do Concello e do Consello Municipal de Deportes, que ascende a 6.276.521,92 que se destinará a amortización anticipada de débeda.

Informe de fiscalización

O expediente de modificación de crédito conta co preceptivo informe de intervención, requisito necesario para a súa aprobación plenaria. O informe introduce consideración de natureza orzamentaria avaliando o proxecto dende unha dobre óptica: dunha banda a normativa de xestión orzamentaria e noutra os preceptos relativos á estabilidade orzamentaria e a regra de gasto.

No tocante á normativa de estabilidade orzamentaria o informe salienta que “o resultado final será dun estrito equilibrio entre altas e baixas” e aínda que matiza que a existencia de gastos non financiero por importe de 1.050.000 euros, dirixidos á partida do Plan Especial BIC As Burgas, da Concellería de Urbanismo, para poder levar a cabo as expropiacións que se precisan dentro deste plan como paso previo para rematar o desenvolvemento desta área, poden orixinar un desequilibrio “non cabe deducir unha situación de déficit estrutural” sendo restablecida a situación no momento no que se produza a liquidación orzamentaria.

Doutra banda, no relativo ao cumprimento da regra de gasto e do límite de gasto non financieiro, a pesar de non poderse delimitar pola existencia dun orzamento prorrogado, a última liquidación municipal aprobada e a existencia de superávit orzamentario, vencellado á reforma normativa que exclúe o gasto financiado con superávit orzamentario, coma gasto computable a efectos de aplicación da regra do gasto do artigo 12 da Ley de Estabilidade Orzamentaria, indica o informe que “a modificación orzamentaria, de confirmarse a pretendida reforma lexislativa, non tería incidencia sobre o cumplimento do límite de gasto non financieiro”.

O informe conclúe que o expediente cumple coa normativa orzamentaria, introducindo unha reserva pola imposibilidade fiscal de fixar o teito de gasto, ao actuar cun orzamento prorrogado. Esta situación pode ser correxida no momento no que se produza a liquidación das contas municipais do ano 2012 compensando a eventual situación de déficit nos vindeiros orzamentos municipais.

9 de agosto de 2013 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.