O Planetario dedicarase a dar recomendacións para observar a chuvia de estrelas nas sesións do 10 ao 16 de agosto
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, informa de que, do 10 ao 16 de agosto, as sesións do Planetario da Casa das Ciencias estarán dedicadas á tradicional cita coa chuvia de estrelas fugaces das Perseidas, coñecidas tamén como Bágoas de San Lorenzo. Tal e como informan dende os Museos Científicos Coruñeses, este será un bo ano para observalas, xa que a Lúa en cuarto crecente se ocultará pronto os días de máxima actividade.
Trátase dun dos fenómenos astronómicos máis emocionantes e ao mesmo tempo accesible que nos ofrece o ceo, polo que entre o 10 e o 16 de agosto todas as sesións no planetario da Casa das Ciencias incluirán recomendacións para observalo. Ademais, as sesións en directo das 13.00 e as 19.00 horas estarán dedicadas exclusivamente ás Perseidas.
Este ano a máxima actividade das Perseidas se espera para a noite do 12 de agosto. A lúa crecente ocultarase pronto, deixando un ceo escuro que favorece a observación. Espérase que o número de meteoros poida chegar a superar os 50 por hora. Estes serán máis visibles pasada a media noite, na dirección en que o ceo está máis escuro, aínda que a orixe das traxectorias se encontrará sempre en dirección ao NORDÉS. A posibilidade de ver estrelas fugaces, e mesmo algún bólido, xustificará a espera. A observación non necesita de máis axuda que un ceo despexado e escuro, abrigo, paciencia e boa compañía. Non se recomenda o uso de prismáticos ou telescopios.
As estrelas fugaces son o resultado da entrada de pequenos anacos de materia interplanetaria na atmosfera terrestre. Estes fragmentos rara vez superan o tamaño dun gran de arroz, pero pola súa elevada velocidade, próxima aos 60 km/segundo, quentan o aire ao seu paso, deixando un rastro luminoso que pode durar varios segundos. A orixe das Perseidas encóntrase na cola do cometa Swift-Tuttle, que se achega á Terra cada 130 anos, renovando a corrente de partículas que nestas datas atravesa o noso planeta na súa órbita arredor do Sol.
As Perseidas tamén se coñecen como bágoas de San Lorenzo, xa que o seu máximo se produce arredor do día 10 de agosto, no que se recorda o martirio deste santo de orixe española que foi asada á grella en Roma no século III.











