O persoal dos servizos de emerxencias de Vilagarcía participan nun curso de rescate en ascensores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Trinta e oito traballadores municipais de diferentes servizos participarán a vindeira semana nun curso sobre rescate en ascensores que se desenvolverá nunha aula móbil dotada de elevadores en dous niveis e simuladores para a realización de prácticas que se instalará na explanada do Auditorio. Trece traballadores de mantemento dos edificios municipais, oito axentes da Policía Local e dezasete membros do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil tomarán parte nesta actividade formativa á que tamén acudirán dezaseis efectivos do Parque de Bombeiros.

Coa participación neste curso o persoal do Concello de distintas áreas disporá dos coñecementos precisos para poder intervir de xeito eficaz e rápido á hora rescatar a persoas que poidan quedarse atrapadas nun ascensor por motivo dunha avaría, un corte de luz ou calquera outra incidencia. O goberno local considerou interesante ofertar ao persoal municipal esta acción formativa por canto os edificios públicos municipais contan con elevadores e tamén polas chamadas que se poden producir por parte de particulares aos servizos de emerxencias para rescates en edificios de vivendas. Deste xeito garántese unha actuación máis rápida e axeitada a cada tipo de avaría ou situación, sen necesidade de ter que esperar aos equipos técnicos das empresas instaladoras dos ascensores.

O Centro Móbil de Formación Técnicos chega a Vilagarcía da man da empresa ThyssenKrupp Elevadores España, que está desenvolvendo unha campaña por toda a xeografía española sobre manobras de rescate en elevadores e sensibilización sobre accesibilidade e mobilidade e que vai dirixida tanto ás administracións públicas como á cidadanía en xeral. A actividade é totalmente gratuíta para o Concello e desenvolverase do luns 2 ao mércores 4 de setembro na Aula Móbil que se instalará na explanada do Auditorio. Os traballadores municipais distribuiranse en grupos para participar nos cursos que contan con parte teórica e práctica. Os cidadáns tamén poderán informarse e participar nas actividades que se organizarán para o público en xeral.

O Centro Móvil de Formación emprázase nun gran tráiler dotado coa máis alta tecnoloxía e que conta cunha superficie de 90 metros cadrados distribuídos en dous andares. No camión hai reproducións virtuais de produtos innovadores e simuladores para a realización das prácticas de manobras de salvamento e rescate. A Aula tamén está dotada con petacas extensibles para separar os espazos en dúas plantas, aulas multiusos con equipamentos de alta tecnoloxía, sala expositiva de 90 metros cadrados con pantallas interactivas e tablets para reprodución de contidos, placas fotovoltaicas e plataforma de minusválidos.

30 de agosto de 2013 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.