O parque empresarial de Carballo acolle o quinto circuíto BTT 12 horas o sábado 24 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesLocal
A-
A+
Presentación da competición

Presentación da competición

Carballo acolle por quinto ano consecutivo a carreira “Circuíto BTT 12 horas”, unha marcha cicloturista para Bicicleta Todo Terreo (BTT) de velocidade libre e de carácter lúdico dirixida a todo aquel deportista que desexe participar conte ou non con licenza. A proba ten lugar o sábado 24 de agosto entre as 10.00 e as 22.00 horas e acolle a participación individual ou por equipos formados por entre dous e catro corredores. A proba disputarase por relevos sobre un circuíto de 8.400 metros con saída e chegada no Parque Empresarial de Bértoa de Carballo, á altura da nave de Garaysa. Segundo explica Moncho Ríos, da Asociación Deportiva Media Ducia, organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo, a proba está pensada para que os máis expertos realicen unha verdadeira competición con varias voltas e para que os afeccionados tamén teñan a oportunidade de participar co “obxectivo de integrar a todos os ciclistas”.

Cada corredor estará conectado por chip, para que ao final da xornada poida coñecer o número de voltas que realizou, os seus tempos, etc. As incricións poden formalizarse até o luns 12 de agosto a través do web de Magma Sports <www.magmasports.es> ou pedindo máis información a través do web de Media Ducia www.admediaducia.es. Até o momento xa hai máis de 80 inscritos, sendo o cupo máximo de 250. Respecto das características do circuíto máis polo miúdo, está previsto que o punto de partida estea en Garaysa, preto do Punto Limpo Municipal, para pasar pola beira do río cara ao novo parque empresarial, seguindo a carón da autopista AG-55 e logo de volta a Garaysa. Dende Media Ducia aseguran que este é o ano co mellor percorrido, ademais de terse reservado un espazo amplo arredor do campo das Eiroas para que sexa posible para o público ver mellor as evolucións dos ciclistas.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, quixo agradecer o traballo e o “esforzo” da organización e transmitiu o apoio do organismo que preside para iniciativas como esta. A cita, ademais, contará coa presenza de Isabel Castro, unha ciclista cun longo curriculum, tendo sido Campioa de España de Ciclocross en 2010 e 2011. Castro quixo agradecer a invitación para participar na proba e explicou que ten moitas gañas de tomar a saída. Pola súa banda, o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo transmitirlle os seus parabéns a Media Ducia, xa que unha proba que comezou hai cinco anos “modestamente, xa está completamente asentada no calendario galego de BTT”. Tamén quixo animar ao público a que se desplace a ver a cita, xa que “é moi interesante e singular”.

A organización tamén quixo facer mención especial a cada un dos patrocinadores da cita: Coca-Cola; Gadis; Ciclos Quintena; EvoBici, que instalará un taller mecánico gratuíto para os participantes que poderán arranxar a súa bici a cada paso por meta; nosportlimit; Victory Endurance; Panadería A Milagrosa, Piscis Café-Bar e Celia Frutas e Verduras que asumirán parte do avituallamento; Bicicletas Arán; Carnicería Daniel; Todo Lar-Re100; Vital Fitness; Garaysa; Alquileres Reneymar; e por primeira vez este ano Ana Muíño que facilitará a presenza de dúas fisioterapeutas durante a proba para que dean masaxes e atendan aos corredores a partir das 16.00 horas. A cita tamén conta coa colaboración de Protección Civil de Carballo.

2 de agosto de 2013 | 22:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.