O Papucín proclamouse campión do Maratón de Fútbol Interparroquial do Concello de Frades
O equipo do Papucín proclamouse campión do XVI Maratón de Fútbol Interparroquial, disputado o pasado domingo no campo municipal de Abellá e no que tomaron parte oito equipos das distintas parroquias do municipio. O conxunto do Papucín impúxose na final por 2-0 ao Xuventude (Frades), que por segundo ano consecutivo volve quedar como subcampión do torneo.

Campións e subcampións do maratón
Numerosos veciños e veciñas achegáronse por Abellá para animar aos oito equipos participantes (Ledoira, Celvit, Aiazo, Abellá, Xuventude, Galegos, Papucín e Paboi), que disputaron unha liguiña divididos en dous grupos de catro equipos. Os dous primeiros clasificados de cada grupo clasificáronse para as semifinais: Xuventude e Celvit (no grupo A) e Papucín e Galegos (no grupo B). As semifinais foron especialmente disputadas e ambas se resolveron dende a quenda de penaltis: o Papucín derrotaba así ao Celvit, campión da edición de 2012; mentres que o Xuventude se impoñía ao Galegos.
A final tamén foi moi disputada, pero o Papucín foi quen de impoñer a súa seguridade defensiva e proclamarse campión despois de gañar por dous a cero. O Trofeo Zamora ao porteiro menos goleado foi para Saúl, do Papucín, con tan só 1 gol recibido no torneo. O Trofeo Pichichi foi para Nicolás, do Xuventude, que conseguiu marcar 3 goles.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Miguel Prado, foron os encargados de entregar os trofeos a todos os equipos participantes, así como os premios ao máximo goleador e ao porteiro menos goleado. A clasificación final deste XVI Maratón de Fútbol Inteparroquial de Frades quedou así:
1- Papucín
2- Xuventude (Frades)
3- Galegos
4- Celvit (Céltigos e Vitre)
5- Abellá
6- Ledoira
7- Paboi
8- Aiazo











