O padexeiro José Luís Bouza clasificouse para o Campionato do Mundo en C-1 1000 metros

José Lúis Bouza
José Luis Bouza, do Kaiak Tudense, logrou clasificarse para disputar a próxima semana o Campionato do Mundo en C-1 1.000 metros tras realizarse un control selectivo en Verducido (Pontevedra). Á cita estaba previsto que acudisen Diego Romero, do Breogán do Grove, e Ton Campos, do Ría de Betanzos. Non obstante, ambos os dous decidiron non participar, xa que tamén estarán no Mundial na modalidade de C-2. José Luis Bouza cumpriu co seu obxectivo de estar por sexta vez nun Mundial. Posúe dúas medallas. A de prata, lograda en Poznan en 2010, e a de bronce en Szeged en 2011. En ambos os dous casos foi en C-1 5.000 metros. Agora competirá por primeira vez en C-1 1.00 metros.
O padexeiro mostrouse “contento, moi contento”. Engadiu que “era algo moi importante e tiña un exame esixente. Pero os rivais decidiron non se presentar por outras cuestións. O control, evidentemente, foi un trámite. José Luis Bouza recoñeceu que “foi unha sensación rara” e engadiu que fixen a proba o mellor posible. Non fun ao cen por cen, pero encontreime cómodo. Serviume de moito”.
O control selectivo do C-1 1.000 metros converteuse nun momento moi esperado por José Luis Bouza. “Estar nun Mundial nunca é doado nin sinxelo. Hai que traballar moito”, insistiu. O padexeiro do Kayak Tudense sinalou “o meu obxectivo é poder disputar a final desta proba. Non será nada doado, pero é un desafío”. O Mundial disputarase na cidade de Duisburgo e iniciarase o xoves da próxima semana.











