publicidade hoxe

O Naraío resultuo gañador do Trofeo de Fúltbol de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalSan SadurniñoXermade
A-
A+

A UDC Naraío ergueu este xoves a copa que a acredita como vencedora no XIX Trofeo Concello de San Sadurniño. Un triangular, no que tamén participaron o CF San Sadurniño e o Cabreiros, caracterizado pola deportividade dos tres conxuntos e por un xogo máis ben insulso. Só houbo dous goles naturais, de maneira que todos os partidos se tiveron que resolver a penaltis.

Imaxe do triangular de fútbol

Imaxe do triangular de fútbol

O trofeo comezou ás 18.00 co encontro entre o San Sadurniño e a SDC Cabreiros. Este último partía como favorito pola mocidade do seu cadro e tamén polo feito de xogar na primeira autonómica, unha por riba do Naraío e dúas por riba do San Sadurniño. Porén, malia presionar e ter máis oportunidades o San Sadurniño logrou mantelos á raia e forzou unha tanda de penaltis na que os locais estiveron máis atinados.

Como perdedor na súa estrea o Cabreiros enfrontouse a continuación ao Naraío. Os de Xermade acusaron o cansanzo dos 45 minutos que levaban xogando, pero iso non supuxo que o Naraío se mostrase superior. Partido sen ritmo, sen ocasións claras e tamén sen goles no tempo regulamentario. De novo decidiron os penaltis e, desta vez, en favor do Cabreiros.

Quince minutos de descanso e derradeiro partido: UDC Naraío vs. San Sadurniño. É sabida a histórica -e sá- rivalidade entre un e outro equipo. Os arredor de 200 espectadores da Veiga agardaban un derbi local e as dúas formacións esforzáronse para dar espectáculo. Conseguírono a medias, pero este último encontro foi de lonxe o máis entretido xa que era tamén o que decidía o trofeo.

O Naraío dominou claramente o arranque do partido, o que lle serviu para meter o primeiro gol natural de toda a xornada. Porén, o San Sadurniño reactivouse e a dez minutos do final conseguiu o empate que forzaría unha nova tanda de penaltis. Non tivo a mesma sorte que no partido contra o Cabreiros e, finalmente, o Naraío gañoulle na ruleta dos lanzamentos directos.

Primeiro posto para o Naraío, segundo para o San Sadurniño e terceiro para o Cabreiros. Tres equipos que están preparando a temporada e que, no caso das dúas formacións locais, aínda acaba de empezar. O San Sadurniño luciu o seu arsenal de xogadores sendo o equipo que máis recambio trouxo e máis cambios fixo. O Naraío probou as novas incorporacións en combinación coa maior parte do cadro da pasada temporada. A proba revelou que falta rodaxe e que no mes que queda ata o comezo da liga haberá que aplicarse a fondo para conseguir un cadro sólido co que competir na segunda autonómica.

Como balance final do XIX Trofeo Concello de San Sadurniño hai que quedar coa fantástica tarde de sol, o bo estado do campo da Veiga e, sobre todo, cun ambiente deportivo que fixo imperceptible -e case innecesaria- a presenza do árbitro.

16 de agosto de 2013 | 20:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.