O mal uso da rede de saneamento en Vilagarcía impide loitar eficazmente contra os verquidos
Os servizos municipais encargados do mantemento dos bombeos do saneamento detectaron nos últimos meses un incremento máis que notable do mal uso da rede por parte dos veciños. Este feito constátase en que cada vez é maior a cantidade de materiais sólidos que chegan a aos bombeos a través da rede e que colapsan os cestóns instalados para filtrar este tipo de residuos. Dende a Concellería de Medio Ambiente advírtese que o esforzo e todas as medidas que se poidan adoptar por parte do Concello ou outras administracións serán ineficaces para combater os verquidos se non se conta con colaboración por parte da cidadanía.
O concelleiro Jesús Longa fai un chamamento á poboación para que contribúan a acabar coa problemática dos verquidos que, aparte dos prexuízos medioambientais que ocasionan, tamén inciden de xeito moi negativo na imaxe da vila e no propio goce da mesma por parte de veciños e visitantes. Esta colaboración pasa por non desfacerse de toalliñas e outros materiais non biodegradables a través do váter, xa que estes son os que a diario colapsan os cestóns de filtrado.
Hoxe mesmo, os operarios encargados do baleirado dos filtros tiveron que acudir a retirar os cestos que se cambiaran o día anterior e que, en menos de 24 horas, xa estaban totalmente cheos. Foron en concreto os dous da Praza de Abastos (situados na desembocadura do Con) o de Camposán (entre a rúa Valle Inclán e Ferrazo), e o da Cocha (adxúntanse as fotos que o ilustran). Ademais destes, onte tamén baleiraron os de Vilaxoán, Bamio, Covacha e Beiramar que tamén se sacaron totalmente cheos.
A simple vista distínguense perfectamente os residuos que van a parar aos cestóns a través da rede de saneamento e que non deberían desbotarse polos váteres. Trátase de toalliñas hixiénicas que non se desfán na auga, compresas, bolsas e envoltorios plásticos de produtos hixiénicos, tampóns, preservativos e ata trapos, panos e cachos de tea. En ocasións téñense sacado metros de cordas, sacos, redes e ata animais mortos.
Este uso indebido da rede de saneamento xa se ben detectando dende hai anos. Para tratar de reducir os riscos de atasco e avaría dos bombeos cos conseguintes desbordamentos de residuais decidiuse instalar cestóns que actúan como filtros nas estación de bombeos. Comprobado que deste xeito melloraba o funcionamento do servizo, nos dous últimos anos instalouse este sistema en tódolos bombeos do municipio. Maila isto, cada vez é maior o volume de residuos sólidos que chega á rede, polo que o Concello veuse obrigado a elevar a frecuencia de baleirado dos cestóns que xa se fai a diario nos puntos máis conflitivos, co conseguinte esforzo dos servizos municipais que teñen que dedicarse case en exclusiva a esta labor en detrimento doutras tarefas que tamén é preciso realizar.
Obras para mellorar o servizo
O goberno local recoñece que a rede municipal de saneamento presenta moitas deficiencias que é preciso mellorar coa realización de obras, pero tamén advirten que todas as medidas a realizar serán ineficaces para acabar totalmente cos vertidos se os veciños non colaboran e fan un uso adecuado da rede. No relativo ás obras, cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia ten previsto investir a medio prazo en Vilagarcía 8 millóns de euros en actuacións tendentes á mellora do saneamento e que se inclúen no Plan Local de Saneamento Integral da Ría. Non obstante, urxe unha maior concienciación cidadá para poder ir minorando a problemática dos verquidos dende xa.
Longa insiste neste aspecto, facendo un chamamento á poboación para que colaboren con xestos tan sinxelos como tirar á bolsa do lixo que corresponda os produtos hixiénicos e outros materiais non biodegradables, en lugar de desfacerse deles polo váter. “Trátase de medidas que non nos custa nada facer, porque non supoñen esforzo algún e que, pola contra, reportan moitisimos beneficios para o medio ambiente e a imaxe da nosa cidade. A ninguén lle gusta a imaxe dos verquidos no río ou nas praias, pero dificilmente podemos acabar con eles se cada un de nós non pon algo da súa parte”, sentenciou.











