O Mago Adry inaugura o Verán Cultural de Ordes cunha Alameda repleta de cativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+
Actuación do mago Adry

Actuación do mago Adry

O Mago Adry, coñecido pola súa participación no programa ‘Tú sí que vales’, foi o encargado de inaugurar o amplo programa de actividades Verán Cultural que o Concello de Ordes ten organizado para este mes de agosto. O punto de encontro na tarde de onte para máis de 400 veciños e veciñas, a maioría nenos e nenas, foi a Alameda de Ordes. Neste mesmo espazo será onde se desenvolvan a maioría dos espectáculos, que se trasladarán á Casa da Cultura en caso de choiva. O Concello tamén se valerá doutros puntos públicos como o Campo da Feira ou a estación da Pontraga.

O cartel complétase coas seguintes actuacións e eventos: o día 2 Clown interactivo, ‘Non sabes quen es’; o día 3 ‘Os animadores chalados’; o día 4 ‘Día das Bandas’, con pasacalles a partir das 19.45 horas; o día 5 espectáculo de monicreques, ‘Elba e Marcos e os xoguetes encantados’; o día 6 Cé, orquestra Pantasma ofrecerá a obra ‘Home orquestra’; o día 7 clown, ‘O show de Popin’; o día 8 novamente maxia co grupo Os 7 magníficos e o seu espectáculo ‘A historia de Brancaflor’; o día 10 a formación Kambahiota ofrecerá o seu espectáculo de circo e aéreos ‘Vaia circo’; o día 11 terá lugar o Día da Muiñeira, que nesta ocasión contará coa participación de 4 grupos; o día 12 será a quenda para os monicreques coa obra ‘A divertida noite dos monstros’, mentres que ao día seguinte se deleitará a todos os presentes cos números circenses do espectáculo titulado ‘Chosco voando’. Non será o único xa que o día 9 o Campo da Feira acollerá o Día do/a neno/a con actividades, obradoiros, inchables e unha gran festa da espuma.

Tamén hai que destacar a celebración do festival Brincadeira, que nesta ocasión e tras unha breve paréntese volve ao seu lugar de orixe, Ordes. En colaboración co Concello de Ordes decidiuse que se desenvolva na estación da Pontraga durante os días 9, 10 e 11. Tamén se habilitará unha zona de acampada e 3 áreas musicais diferentes para poder desfrutar de tres días de festa e concertos nos que actuarán preto de 40 grupos como Dios Ke te Crew, Pedrito Diablo y los Cadaveras, Malandrómeda,  Dr. Gringo, Chimo Bayo, N.O.M ou Vendetta, entre outros moitos. A todo isto hai que engadir as festas patronais que se celebrarán durante os días 14, 15, 16 e 17 de agosto e que, coma sempre, congregarán a milleiros de asistentes entre veciños e veciñas e visitantes.

2 de agosto de 2013 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.