O I Serán de Ponte Caldelas xa conta cunha ducia de grupos confirmados
Máis dunha ducia de agrupacións folclóricas da zona confirmaron xa a súa participación no I Serán de Ponte Caldelas que se celebrará este sábado, a partir das 21:30 horas, na Alameda e que servirá de escaparate para a música popular formada por grupos de pandereteiras e cantareiras con gran tradición no municipio e zonas limítrofes.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponte Caldelas quere contribuír a manter vivo o espírito que inspira estes certames tradicionais e que encontran no municipio un número importante de seguidores.
As agrupacións musicais irán subindo ao palco instalado na Alamada, por quenda de chegada, e ofrecerán un máximo de tres cancións do seu repertorio co fin de facilitar a participación do maior número posible de cantareiras que se irá incorporando ao evento segundo vaian chegando e inscribíndose para actuar.
Co fin de que as cantareiras e pandereteiras recuperen forzas e poidan seguir coa súa actuación, o Concello de Ponte Caldelas agasallará con empanada e viño os participantes neste evento que terá á Alameda como escenario privilexiado para o seu desenvolvemento.
Esta actividade vén a prorrogar as Festas das Dores, unha celebración que este ano brillou pola grande cantidade de público presente que non só abarrotou os espectáculos previstos na Alameda senón tamén as rúas do centro da vila do Verdugo durante o desenvolvemento da procesión do pasado martes que contou coa presenza da Banda de Guerra da Brilat e a Banda de Gaitas Os Coribantes.











