O humorista e actor Isi será o pregoeiro das Festas Patronais de Cedeira
O coñecido actor e humorista Isi será este ano o pregoeiro das Festas Patronais de Cedeira. O acto co que arrancarán os festexos celebrarase o próximo martes, 13 de agosto, a partir das 21 horas na praza da casa consistorial. A continuación, a Banda de Gaitas Robaleira iniciará un pasacalles pola localidade e, xa sobre as 22 horas, comezarán os concertos no Parque do Sagrado Corazón. Ese mesmo día será a quenda de Mariachi Femenil Orgullo Mexicano e da veterana Orquestra Poceiro Big Band. Neste caso, a partir das 23,30 horas.
O cartel das Festas Patronais de Cedeira 2013, que se celebrarán do 12 ao 17 de agosto, incluirá este ano as actuacións de grupos consagrados do panorama nacional como Nacha Pop ou promesas emerxentes como Lagarto Amarillo, Efecto Pasillo ou Funambulista. O Concello tamén
aposta polas formacións galegas comoBroken Peach, La Banda del Camión ou os locais Big Band Cedeira ou Los Eternos, que actuarán sobre o escenario xunto ao mítico Chris Masuak. Así mesmo, todos os xéneros estarán presentes para satisfacer todos os gustos: a música festiva da
Charanga NBA, o rock desenfadado de Los Claretes ou o repertorio das Orquestras Israel e Poceiro.
No seu conxunto, seis días nos que o público poderá gozar de ata 16 concertos. “Isi” é un habitual colaborador de diferentes programas da TVG. Comezou a súa traxectoria artística na compañía de teatro Tirinautas para continuar en Producións Acontrabutaca, percorrendo
todos os escenarios de Galicia cunha decena de comedias. Gañador do programa da TVG “O rei da comedia”, colabora con grande éxito dende hai máis de dez anos en distintos programas da TVG como Air Galicia, Supermartes, A Solaina, Land Rober ou Luar. Actualmente, alterna o seu papel de cómico e contador de historias con colaboracións periódicas en programas como Luar.