O goberno ourensá promove a incorporación do municipio á Rede de Cidades pola Accesibilidade
O goberno municipal ven de presentar unha moción para o seu debate no Pleno do Concello do vindeiro venres, 6 de setembro, na que propón que a cidade de Ourense se incorpore á Rede de Cidades pola Accesibilidade, que se constituirá no vindeiro mes de decembro.
A Rede de Cidades é unha iniciativa que pretende servir como espazo e instrumento para o debate e intercambio de ideas e experiencias entre as cidades, un lugar para coñecer e dar a coñecer actuacións en materia de mobilidade urbana e accesibilidade, de xeito que do intercambio se beneficien todas as cidades que pasen a formar parte.
Así, explica a moción, a rede aspira a converterse “nun lugar para a reflexión e a análise, para profundizar en proxectos, crear iniciativas e ideas conxuntas e dar unha visión crítica ás iniciativas que se plantexen”.
A rede de Cidades pola Accesibilidade constituirase oficialmente nunha xuntanza que terá lugar o día 3 de decembro en Madrid, no contexto do Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Coa adhesión á Rede de Cidades “quérese converter Ourense nun lugar accesible para todos e todas, independentemente da idade, condición física e mental, e que Ourense ofreza un entorno seguro a tódolos seus cidadáns e cidadás, con criterios de deseño universal, pondo a accesibilidade como obxectivo transversal de todas as actuacións”.
Por estes motivos, o grupo municipal do PSdeG-PSOE presenta como proposta de acordo solicitar do Pleno do Concello que aprobe a incorporación de Ourense á Redes de Cidades pola Accesibilidade, e remitir a acta do pleno ao alcalde de Málaga, promotor da iniciativa, manifestando o interese de Ourense por formar parte da mesma.











