O goberno coruñes concede á Autoridade Portuaria a licenza para a restauración do baluarte do Parrote

O tenente de alcalde informando do Parrote
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado informou hoxe dos avances nos proxectos tanto do Parrote como da Marina, xa que o Goberno local concede á Autoridade Portuaria a licenza para o proxecto de posta en valor das estruturas históricas do Parrote e, ademais, se suma a licitación do proxecto do vial subterráneo da Marina. “A boa sintonía entre Concello e Autoridade Portuaria permitiu desbloquear un proxecto que comezou hai 6 anos e que estivo paralizado 5 polo anterior goberno”, afirmou.
O PARROTE
O concelleiro avanzou que o Concello da Coruña concederá na próxima Xunta de Goberno Local a licenza á Autoridade Portuaria para a execución do proxecto ‘Posta en valor de estruturas defensivas no Parrote’ que, unida á noticia de que a Xunta de Galicia achegará 12 millóns de euros ás obras de construción do vial subterráneo, veñen a completar a fase administrativa do proxecto de rexeneración do ámbito.
Tal e como explicou Fernández Prado, trátase dun proxecto global no que á construción dun aparcadoiro, se sumou a execución dun túnel, a recuperación de espazo urbano para o peón e para impulsar a actividade económica e o coidado e posta en valor do patrimonio.
Neste caso, o proxecto de restauración e posta en valor das estruturas históricas do Parrote, contará cun presuposto de 1.010.890,96 euros e un prazo de execución de 4 meses. A actuación consistirá en acondicionar os locais baixo o Paseo do Parrote que se adecuarán para reconvertelos nunha zona museística e para usos culturais e complementarios, así como a reforma da súa estrutura reforzando os piares. Ademais protexeranse os restos cun dique e realizarase unha reinterpretación do baluarte e darase visibilidade aos restos arqueolóxicos. Xerarase unha praza sobreelevada sobre o resto da explanada. En total actuarase sobre unha superficie de 3.288 metros cadrados.
O obxectivo é que a Autoridade Portuaria licite o proxecto ao longo do mes de agosto, para comezar as obras en outono e compasala ao resto de actuacións co fin de que toda a actuación global estea finalizada no primeiro trimestre de 2014.
A MARIÑA
Ademais, Fernández Prado informou de que o proxecto da Marina é unha realidade xa que a publicación da licitación do proxecto do vial subterráneo no Diario Oficial da Unión Europea é inminente. “Grazas ao anuncio publicado a principios de xullo as empresas xa tiveron á súa disposición os detalles do proxecto e agora dispoñerán ata o 20 de setembro para presentar as súas ofertas”, asegurou. Ademais, ao longo do mes de agosto tamén se publicará no BOE: “Vanse completando as distintas etapas deste proxecto, pero a licitación da obra é un fito e un paso definitivo para a construción do túnel”, asegurou.
Fernández Prado recordou que o proxecto de construción do vial subterráneo está presupostado en 16,5 millóns de euros dos que a Autoridade Portuaria achega 2 millóns de euros e o Concello o resto. Ademais, repasou os principais detalles desta obra:
– O túnel será de 4 carrís, 2 en cada sentido de circulación. Arrancará á altura do NH Atlántico e, en Porta Real, enlazará cos pasos subterráneos do Parrote e de María Pita. Esta solución permitirá que o túnel do Parote sexa de dobre dirección.
– O vial completo, incluídos os tramos do Parrote e A Marina, terá unha lonxitude dun quilómetro (o túnel da Marina será de 530 metros de lonxitude), o que permitirá que en superficie existan case 60.000 metros cadrados para espazos públicos libres de vehículos.
– Habilitarase unha vía de servizo para os edificios de Correos, Deputación e o hotel NH Atlántico; e a estrada contará con todos os servizos e dispositivos de emerxencia necesarios.
Fernández Prado sinalou que o obxectivo é poder adxudicar as obras en outono para comezar antes de que remate o ano a construción deste vial subterráneo. O prazo de execución das obras é de 15 meses.
O concelleiro finalizou destacando o compromiso, sensibilidade e esforzo da Autoridade Portuaria por axilizar dúas actuacións que cambiarán a forma de entender a cidade e que supoñerán unha solución ao tráfico rodado, pero tamén unha oportunidade para os peóns que poderán gozar, de novo, do centro da cidade: “Volveremos dar protagonismo ao centro”, concluíu.











