O galego Bieito Rubido, director do xornal ABC, será o pregoeiro da VIII Feira do Viño de Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaVerín
A-
A+

O director do xornal ABC será o próximo venres, ás 20.30 horas, o responsable de ler o pregón da VIII Feira do Viño de Monterrei, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e o Concello de Verín, coa colaboración do PCT Puertas de Galicia, Eurocidade Chaves-Verín e o concello de Vilardevós.

Natural de Cedeira (A Coruña), Rubido conta cunha ampla traxectoria nos medios de comunicación. Os seus comezos profesionais sitúanse no diario Informaciones de Madrid. Tras o seu paso por diferentes publicacións e emisoras galegas, inicia unha etapa como presentador da TVG, cadea coa que colabora habitualmente. Desde setembro de 2010 dirixe o xornal ABC, tendo colaborado en varias ocasións coa Denominación de Orixe Monterrei, grazas ao espazo de viños que asina o crítico Juan Cuesta.   

A apertura oficial da feira terá lugar este venres ás 20 horas, e media hora máis tarde realizarase a inauguración oficial, seguida da lectura do pregón, a cargo do xornalista Bieito Rubido. Máis do cincuenta por cento das adegas da Denominación de Orixe Monterrei participarán como expositoras na Praza da Mercé que, por segundo ano consecutivo, acollerá a celebración da gran cita do viño na comarca. Tamén nesta praza situarase unha carpa do Inorde cunha exposición ampelográfica, onde os visitantes poderán coñecer as características e morfoloxía das variedades de uva autóctonas desta Denominación de Orixe, así como outra do PCT Puertas de Galicia e da Eurocidade Chaves-Verín.

Prezos populares nunha cita cos principais produtores de viño da comarca, que irá tamén acompañada dunha ampla oferta de ocio e cultural, como poden ser os concertos dos grupos A Roda (venres, ás 24 horas, na praza Maior), Los Rebeldes e Los Limones (sábado 10, ás 24 horas, na praza Maior), XXX Xornadas de Folclore (domingo 11, ás 24 horas, na praza Maior), e as actuacións musicais das asociacións de mulleres rurais “A Ribeira” (Vilaza),  “Toural” (Mandín),  “Monterrei” (A Pousa),  “25 de Xullo” (Albarellos), “As Candelas” (Pazos), “Santa María de Tamagos” (Tamagos) e “San Pedro” (Queizás) e do grupo musical e de baile Candaira (domingo 11, ás 20.30 horas, na praza da Mercé). Unha ampla oferta á que hai que engadir as xornadas gastronómicas con menús especiais en nove restaurantes da comarca (Lugano, San Roque, O Candil, Casa Rural A Cortiña, O Augueiro, O Castelo, Brasil, Casa Manola e Parador de Verín) con prezos que oscilan entre os 16 e 22 euros.

7 de agosto de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.