O executivo coruñés lanza o primeiro número do boletín “Calidad Divina”
A área de Emprego e Empresa, que dirixe Luisa Cid, promoverá as prazas de abasto da cidade a través dun boletín, Calidad Divina, que se distribuirá de forma gratuíta nestas instalacións municipais. A publicación nace co obxectivo de mostrar aos coruñeses a calidade e singularidade dos mercados, terá periodicidade quincenal e o primeiro número estará na rúa mañá luns, 12 de agosto.
Calidad Divina, que toma o nome dunha campaña municipal de promoción dos mercados, internarase no mundo das prazas de abasto dende un enfoque informativo, sinxelo, ameno e informal onde pracervos e clientes serán os verdadeiros protagonistas a través de seccións fixas como El alma de las plazas e Yo compro en…
Difundir a marca de calidade, pero tamén ofrecer unha imaxe moderna é outro dos propósitos da publicación, que aposta por chegar a todos os sectores da poboación, especialmente aos máis novos, para captar novos perfís de cliente. Ademais de entrevistas e artigos sobre os mercados e o seu ámbito, o boletín incluirá receitas, trucos de cociña, consellos sobre produtos de tempada, novidades e tamén información de interese sobre a cidade coa intención de informar e entreter.
A intención da Concellaría de Mercados é sacar á rúa un total de 11 números, un por cada praza de abastos que hai na cidade, aínda que en ningún caso haberá monográficos, senón unha información variada e plural que estará a disposición dos coruñeses en todas as prazas de abasto, polo que se editarán 15.000 exemplares por número. A iniciativa forma parte do plan de modernización dos mercados impulsado polo Concello para devolverlle as prazas en lugar que merecen.











