O estadio municipal de fútbol da Estrada avanza con normalidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocalPontevedraProvincias
A-
A+

Na actualidade xa está construída e rematada a estrutura das bancadas e a nivelación do terreo de xogo. Ademais estanse realizando traballos de albanelería no interior do edificio das gradas.

Cun orzamento de 1,3 millóns de euros, o novo estadio -situado no contorno da Axencia Galega de Seguridade- está dotado dun campo de fútbol de céspede artificial de última xeración, bancada cuberta para 454 persoas, seis vestiarios (catro para deportistas e dous para árbitros), dous locais polivalentes, un edificio para a cafetería con baños, despacho de billetes e oficina, e un aparcadoiro para máis de 400 vehículos.

A maiores, fronte á bancada cuberta construíuse unha bancada descuberta e está previsto colocar catro torres de iluminación de 2.000 W e 16 metros de altura, así como diverso material como marcadores, bandeirolas de córner e xogos de porterías.

O novo campo terá unhas dimensións de 110 x 71 metros, con bandas de protección nos laterais e nos fondos, polo que o terreo de xogo queda fixado en 105 por 68 metros. O campo estará marcado como terreo de xogo de fútbol 11, pero tamén terá, en sentido transversal, dous campos de fútbol 7.

O presidente da Deputación de Pontevedra visitou as obras do  estadio municipal da Estrada acompañado do alcalde do concello, José Carlos López Campos.

14 de agosto de 2013 | 01:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.