“O esquío no Piñeiro” de Brión abre o prazo de inscrición na II Ruta BTT Río Tambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónDeportesLocal
A-
A+

A asociación cultural, medio ambiental e deportiva “O Esquío no Piñeiro” (Brión) abre o prazo de inscrición na segunda edición da Ruta BTT Río Tambre-Brión, que terá lugar o domingo 8 de setembro. Unhas anotacións que poden facerse a través do blog da proba: http://rutabttdotambre.blogspot.com.es/p/inscrición_05.html antes do 4 de setembro. O custo da inscrición é de 10 euros, que inclúe os avituallamento durante a ruta, seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo de ambulancia, servizo de recollida en caso de accidente ou avaría, lavado de bicicletas, regalo conmemorativo da proba, duchas, comida de confraternización e, por cortesía de Aquafit Xestión, disfrutar da piscina cuberta para darse un baño despois da proba.

“O Esquío no Piñeiro” espera reunir a uns 300 ciclistas nesta ruta en bicicleta de montaña, que conta coa colaboración do Concello de Brión e que este ano presenta “novidades salientables que farán que esta proba dea un importante salto de calidade e se consolide como unha das probas de referencia do panorama BTT galego”, explican dende a asociación brionesa. Como novidades cabe salientar a realización de dous circuítos, con dous niveis de esixencia:  unha ruta duns 40 quilómetros e cunha dificultade física media; e un Maratón, 70 quilómetros e cunha dificultade física alta. A primeira está pensada para que calquera amante da bicicleta, cun mínimo de preparación, poida rematala; mentres que a segunda terá unha esixencia física alta.

Aínda que non é unha proba competitiva, a organización ten previsto facer unha entrega de trofeos a modo de agradecemento aos participantes máis novos e máis veteranos, así como ao club participante máis numeroso. Ademais, outra das novidades importantes desta segunda edición é que será cronometrada, “aínda estamos en negociacións, pero todo apunta a que este ano o cronometraxe por chip será o que regule esta proba”, adiantan dende “O Esquío no Piñeiro”.

2 de agosto de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.