O Espazo municipal Coeduca organiza unha festa de clausura para os participantes nas actividades de xullo e agosto
O alcalde, Agustín Fernández, e a concelleira de Igualdade, Marga Martín, visitarán esta tarde aos participantes nas actividades do programa “Coeduca”, organizado pola Concellería de Igualdade en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo “Inviste no teu futuro”. O acto desta tarde consistirá nunha festa de clausura, que contará con xogos, unha xincana e unha merenda para os participantes.
O espazo “Coeduca” consistiu na celebración de obradoiros de expresión plástica e corporal e masaxes e actividades en familia, de luns a venres nos meses de xullo e agosto, nos que participaron un total de 123 nenos, nenas, nais e pais.
A programación do espazo consistiu na celebración das actividades -expresión corporal, dramatización, expresión plástica e artística, cociña creativa e outras actividades plásticas-, luns, mércores e venres pola mañá; masaxes en familia os martes de 19 a 20 h; e espazo compartido en familia dous xoves ao mes, entre as 18.30 e as 20 h. A maiores, ofrecéronse obradoiros de formación en igualdade a persoas que traballan con menores e as súas familias.
As actividades, cofinanciadas pola Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo “Inviste no teu futuro”, pretenden suscitar a reflexión colectiva sobre experiencias cotiás, e incorporar atitudes, hábitos e condutas favorecedoras da autoestima e o benestar persoal.
Así, ofrécese un espazo alternativo e igualitario de aprendizaxe e lecer, adaptado ás necesidades e aos tempos das familias, así como á súa conciliación, onde se pretende concienciar a nais e pais sobre os estereotipos e expectativas que, inconscientemente, poidan transmitir ás súas fillas e fillos condicionando o seu desenvolvemento persoal.











