O espazo Fortaleza de Goián rexistrou dúas mil persoas nos últimos dous meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTomiño
A-
A+
Visitantes ao espazo Fortalezsa

Visitantes ao espazo Fortalezsa

O punto de información instalado no Espazo Fortaleza de Goián, rexistrou dende o mes de xullo e o que vai de agosto, máis de 2000 consultas de turistas e persoas interesadas nas actividades culturais e deportivas que se ofrecen, coma son as rutas a pé, en bicicleta ou en canoa.

O chamado “Punto Fortaleza”, aberto todas as tardes de xullo e agosto entre as 16.00 e as 21.00 horas, ten coma propósito informar aos usuarios e usuarias, ademais de proporcionar servizos tales coma aluguer de bicis e canoas, préstamo de xogos, xoguetes, libros, revistas e xornais, e tamén visitas guiadas polas fortalezas de San Lourenzo, Nosa Señora, e das Chagas; Torre dos Ratos, Pazo dos Correa, praia de Eiras, etc.

O técnico encargado do mencionado punto, informa que as visitas guiadas son as actividades máis solicitadas polos turistas, en especial, un roteiro circular, de 12 km. de lonxitude e 2 horas e media de duración.

A estes reclamos hai que sumar tamén o da praia fluvial de que dispón o Espazo Fortaleza, e que atrae a moitas persoas todas as tardes. As augas, analizadas periodicamente, son de boa calidade e permiten o baño. Ademais, o lugar conta con espazos para practicar deportes de praia, ducha gratuíta, etc.

Entre as persoas que neste verán se achegaron á fortaleza, houbo sobre todo, xente de Vigo, Pontevedra e Teis, aínda que tamén visitaron o lugar colectivos doutros puntos de España e Europa, coma un grupo folclórico chegado desde Mallorca, ou turistas portugueses, franceses e ingleses.

O Concello de Tomiño vén de poñer en funcionamento un novo servizo de audioguías para visitar o antigo Forte de San Lourenzo. Deste xeito, é posible alugar un reproductor de mp3/mp4, por 2 euros, que permite ao visitante, percorrer os diferentes puntos da edificación militar (baluartes, muros, bancadas, miradoiros) coa axuda dunha gravación de 45 minutos de duración.

Por outra parte, está previsto instalar varios puntos indicativos no forte, que disporán de códigos QR para que aquelas persoas que dispoñan de dispositivos móbiles tipo smartphone ou tablet con conexión a Internet, poidan descargar as audioguías de xeito gratuíto.

Actualmente está dispoñible a audioguía en galego. Na vindeira semana incorporarase a versión en castelán, e está prevista tamén outra en inglés.

28 de agosto de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.