O entorno da piscina municipal convértese nunha gran pista de karting
Ortigueira dispoñerá dende mañá e ata o 31 de agosto dun auténtico circuíto de karting xunto á Área deportiva da Preguiza. A iniciativa, impulsada polo Servizo municipal de Deportes e Godocar Karting SL ten por obxecto achegar ao público en xeral o mundo do motor e da pilotaxe.
Aproveitando o período vacacional e a afluencia de visitantes, o goberno de Rafael Girón aposta por potenciar a oferta de ocio ao aire libre da que dispón o municipio, brindando a veciños e turistas a posibilidade de practicar esta modalidade deportiva que conta con enorme gancho entre os máis novos.
O circuíto, ao que poderán acudir tanto nenos (a partir de 7 anos) coma adultos, dispoñerá de karts infantís e para maiores, ademais de vehículos biprazas pensados para que os máis pequenos da casa tamén poidan gozar da experiencia, acompañados, iso si, polos seus pais/nais.
Apuntan dende Godocar Karting SL que a pista funcionará a diario a partir das 16 horas e ata as 21:00 horas. Non obstante, matizan que o horario será flexible, de maneira que, en caso de que exista demanda, se baralla a posibilidade de ampliar o horario de apertura ás mañás. Os prezos por sesión serán de 4 euros para os menores de idade e de 7 euros para o resto.
Será a terceira vez que Ortigueira dispoña por uns días de pista de karting, un deporte que conta cada vez con máis seguidores e afeccionados e que constituirá un excelente complemento aos distintos eventos turísticos e culturais que a casa do concello organiza durante todo o mes.











