O Día do Neno celebrado en Tordoia contou con máis de cen participantes

Cativos nas actividades lúdicas
Máis de cen persoas participan no Día do Neno organizado polo Concello de Tordoia na área de lecer contigua á piscina municipal de Pontepedra. Durante toda a xornada, menores desde os 2 ata os 16 anos dispuxeron de todo tipo de atraccións para refrescarse e divertirse.
Unha das propostas máis demandadas foi o tobogán acuático inchable, que por unha das súas caras reta os cativos a unha proba de escalada esvaradiza e pola outra premia o esforzo cun veloz descenso que remata nunha minipiscina.
Do mesmo xeito, tiveron unha elevada afluencia os xogos inchables convencionais, pensados para poñer a proba as destrezas de salto dos pequenos. Para quen teñan un equilibrio e un espírito de aventura maior, a opción foi o touro mecánico infantil, de movementos suaves pero sempre imprevistos.
Para os momentos de repouso e para estimular a creatividade, os nenos e nenas tiñan á súa disposición un obradoiro de globoflexia e outro de maquillaxe con motivos estivais, sempre a cargo de persoal especializado.
Pese a que supoñía xa o remate da festa, o momento máis esperado tanto polos pequenos como por máis dun maior foi o lanzamento de escuma, que se prolongou durante máis de media hora e chegou a cubrir a todos os participantes.
A concelleira de Cultura, Manuela González Pallas, amosouse satisfeita polo desenvolvemento do Día do Neno, xa que mantivo a afluencia de edicións anteriores pese a que a meteoroloxía non axudou tanto como noutras ocasións. González Pallas explicou que este evento puntual súmase a actividades de máis longo percorrido, como o Verán Lúdico, planificadas polo Concello pensando na infancia e na conciliación familiar e laboral durante as vacacións escolares.