O departamento de normalización lingüística compostelá promove un obradoiro gratuíto de creación literaria

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, presentaron o Obradoiro de Creación Literaria, que se celebrará ao longo de varios sábados dos meses de setembro, outubro e novembro no Palacio de Bendaña (sede da Fundación Granell). Será impartido por Alicia Fernández. Calquera persoa adulta interesada na literatura pode participar neste obradoiro. No mesmo traballarase a partir dunha escolma de poemas de diferentes autores e falarase de técnicas para a escrita, exemplificando sempre e recorrendo a outros soportes como o audiovisual. Tamén se organizará algún recital e a visita dun poeta novo para explicar aos asistentes a súa experiencia.

Serán dez xornadas de obradoiro, en horario de 12:00 a 14:00 horas, os sábados 14, 21 e 28 de setembro; 5, 19 e 26 de outubro; e 9, 16, 23 e 30 de novembro.

Os interesados deben enviar os seus datos (nome, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono) ao correo electrónico do Departamento de Lingua Galega (dlg@santiagodecompostela.org). Teñen do 7 de agosto ata o 12 de setembro para inscribirse e acceder así a unha das 25 prazas dispoñibles.

7 de agosto de 2013 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.