O departamento de infraestruturas coruñés saca a concurso dous proxectos para mellorar a mobilidade por un millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello saca a concurso dous proxectos da Concellaría de Infraestruturas que mellorará a mobilidade nos espazos públicos e que foron aprobados na Xunta de Goberno Local da semana pasada. O investimento que se realizará entre ambas as dúas propostas supera o millón de euros: 579.594 euros para a segunda fase do Plan de Accesibilidade e 471.946 euros para a renovación do tramo do paseo marítimo comprendido entre a rúa Sol e a escalinata de acceso á praia de Matadero.

A nova fase do Plan de Accesibilidade recolle 195 obras nos barrios do Ensanche, Sagrada Familia, Catro Camiños e Os Castros. O proxecto inclúe a rebaixa de cotas e pendentes en beirarrúas e vaos, e melloras en pasos de peóns e paradas de bus urbano, o que favorecerá a mobilidade dos viandantes.

Estas obras de accesibilidade en espazos públicos, cun presuposto de licitación que alcanza os 579.594 euros, executaranse nun prazo aproximado de 10 meses e responden ás propostas formuladas polos técnicos municipais e ás peticións dos propios veciños que foron recollidos ao longo dos últimos meses polas tres concelleiras de Barrio Mariel Padín, Carmen Hervada e Susana Pazo.

Con este novo proxecto, o Concello destinou recentemente máis de 1,4 millóns de euros para realizar 545 obras en 10 barrios da cidade, posto que a Concellaría de Infraestruturas xa puxo en marcha este ano, no pasado mes de febreiro, a primeira fase do Plan de Accesibilidade: un investimento de 410.000 euros para executar 260 obras no Casco Histórico e Pescadería. Dentro desta aposta municipal por mellorar a accesibilidade e por ofrecer unha imaxe máis homoxénea e moderna de todos os barrios da cidade, tamén se encontran os 415.000 euros para 90 obras, dentro do Plan Urbana C, nas zonas de Agra do Orzán, O Ventorrillo, Riazor e Visma.

PASEO MARÍTIMO

 Goberno municipal tamén axilizou a tramitación da cuarta fase do proxecto de renovación do paseo marítimo, comprendido entre a rúa Sol e a escalinata de acceso á praia de Matadero, e saca hoxe a concurso a execución desta obra.

Cun investimento de 471.946 euros para a construción de beirarrúas e carril bici na zona do colexio de Salesianos, a área de Infraestructuras renovará un novo tramo do paseo marítimo de 350 metros de lonxitude. O obxectivo é que os traballos se executen nun prazo máximo de seis meses, para que estean concluídos antes das festas do San Juan de 2014.

Os cidadáns dispoñerán dun paseo peonil de máis 4 metros de ancho e dun carril bici, doutros 2 metros de anchura. Deste xeito, executaranse tramos de carril bici que agora non existen, o que permitirá contar cun paseo para bicicletas practicamente ininterrompido de máis de 10 quilómetros -entre O Portiño e O Parrote-.

Esta cuarta fase tamén recolle outra serie de actuacións para dar continuidade ás obras xa executadas por Infraestructuras, entre as que destaca un beiril de 2 metros de ancho nun tramo de 40 metros de lonxitude -entre a Fonte dos Surfistas e a escalinata de acceso ao areal do Orzán-, que permitirá ampliar a sección do paseo nun punto onde agora a plataforma se ve recortada polo trazado das vías do tranvía.

O Concello xa hai executada a renovación do paseo marítimo no tramo comprendido entre a zona das Escravas e a rúa Sol, onde se levou a cabo unha actuación integral de cambio de pavimento e ampliación do carril bici; e na zona da Coiraza, onde se substituíu o pavimento e o mobiliario urbano e se incorporou un monumento aos heroes do Orzán.

29 de agosto de 2013 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.