O departamento de infraestrutras coruñés renovará as beirarrúas e ampliará a rede de augas pluviais en Catro Camiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Goberno municipal, a través da Concellaría de Infraestruturas, reserva un investimento de 188.137,44 euros para unha nova obra de remodelación de espazos públicos e de mellora da accesibilidade. Neste caso, trátase da rúa Fernández Latorre e un tramo de Concepción Areal, onde o Concello tamén aproveitará para ampliar a rede de recollida de augas pluviais.

O Concello aposta pola renovación dos pavimentos peonís e por ampliar a rede de pluviais para a mellora do saneamento en Catro Camiños. No primeiro caso, o departamento que dirixe Martín Fernández Prado substituirá a actual baldosa hidráulica -moi envellecida e que presenta graves deficiencias- por baldosa granallada de 40 x 60 centímetros e en dúas tonalidades (gris claro e gris basalto). A maiores, repararase os danos que se poidan producir no pavimento rodado con motivo destas obras nas beirarrúas, con solucións construtivas idénticas ás actuais.

O proxecto inclúe ademais a ampliación das canalizacións de augas pluviais. As conducións, ao igual que as actuais, serán subterráneas e seguirán o trazado da rede viaria e dos espazos libres de uso público. Estas obras executaranse en dous tramos independentes. En total, 70 metros de lonxitude. No primeiro, ampliarase a rede de pluviais dende o cruzamento das rúas Marqués de Amboage e Alcalde Pugna e Parga ata Fernández Latorre -30,8 metros de lonxitude-. O segundo tramo vai dende o número 21 de Concepción Arenalata a avenida de General Sanjurjo, que si conta cunha rede separativa debido ás obras que se realizaron recentemente. Este tramo de Concepción Areal, de 39,93 metros de lonxitude, non conta na actualidade con rede de pluviais.

A remodelación da rúa Fernández Latorre e dun tramo de Concepción Arenal enmárcase dentro do plan de renovación de espazos públicos e súmase a outras obras que se executaron no último ano no barrio e a novos proxectos que se desenvolverán a curto prazo, como é o caso da modernización da fonte ornamental de Catro Camiños: un investimento de 148.776 euros que contribuirá á modernización da instalación eléctrica e hidráulica para fomentar a eficiencia enerxética e a automatización e telexestión do recinto -xestión remota e programación de eventos-. A auga será o elemento protagonista e estará en movemento mediante xogos de auga e iluminación nocturna. Ademais, existirá un sistema de drenaxe que permita o baleirado completo da fonte, empregaranse materiais construtivos que eviten a corrosión e garantirase a calidade microbiolóxica da auga cun mecanismo de filtración axeitado.

28 de agosto de 2013 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.