O departamento de festas supervisa as atraccións instaladas nas rúas Alameda e Raíña Vitoria
O Concello de Pontevedra iniciou onte as inspeccións técnicas das atraccións de feira itinerantes que estarán instaladas durante as festas da Peregrina, dende este sábado, até o vindeiro 18 de agosto. As inspeccións, que se realizarán hoxe e mañá, están sendo realizadas pola consultaría técnica, Enmacosa, que tamén fixo o mesmo traballo para as festas do Santiaguiño do Burgo.
Enmacosa segue un protocolo específico para garantir a realización dun exame o máis completo posible de cada unha das atraccións. Deste xeito, solicita a documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto…).
Os técnicos comproban tamén que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Analízanse así mesmo outros requisitos sobre a seguridade do público e do contorno, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.
Con respecto á estabilidade estrutural, Enmacosa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización. De feito, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario.
O traballo de Enmacosa complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade. Unha vez en marcha as atraccións, deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura.
Para a execución deste tipo de inspeccións, coas que Pontevedra foi pioneira con ocasión de Peregrina 2003, Enmacosa conta con equipos
multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.











