O departamento de emprego ferrolá organiza un curso de caixeiro/a – repoñedor/a
A Concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, organiza unha nova acción formativa dirixida a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Trátase dun curso de Caixeiro/a – Repoñedor/a de 140 horas de duración -24 horas de teoría e 126 horas prácticas- que se desenvolverá no Centro Municipal de Emprego e en centros de traballo.
O número de prazas dispoñibles é de 60 e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o vindeiro luns 12 ate o venres 16 (inclusive). As solicitudes deben entregarse no Centro de Emprego do Concello de Ferrol, entre as 09.00 e as 13.00 horas de luns a venres. A formación mínima esixida é de Graduado en ESO ou Graduado Escolar e a documentación a presentar xunta a solicitude é a seguinte: formulario da solicitude (modelo na web www.ferrol.es/emprego ou recoller no propio centro); copia do DNI/NIE; copia actualizada da tarxeta de demandante de emprego; acreditación do nivel formativo (copia) e curriculum vitae actualizado. Toda a información facilitada polas persoas solicitantes deberá poder ser acreditada en calquera momento do procedemento de selección.
As persoas interesadas en obter máis información poden consultar www.ferrol.es/emprego; ou chamar ao número de teléfono 981 944 195, Tamén poden pasar polas dependencias do Centro de Emprego do Concello de Ferrol, situadas na rúa Sagrada Familia, número 56.











