O CSC da Ramallosa acollerá a presentación dun libro sobre a historia da parroquia de Bamonde
Eugenio Estévez e Guillermo González son naturais da parroquia de Bamonde, no Concello de Teo. Pero a súa vida profesional desenvolvérona fóra do municipio, en Madrid e Canarias. Quizais ese foi un dos motivos que os levou, xa na súa xubilación, a realizar un libro sobre a súa parroquia. Mañá presentan no CSC da Ramallosa ás 20:00 horas o libro “Baamonde, Vaamonde: historia, genealogía y relatos”. No acto estarán acompañados do alcalde de Teo, Martiño Noriega.
Segundo explican os autores neste libro quixeron facer unha descrición histórica de Bamonde recollendo “numerosas informacións históricas, xeográficas, económicas, políticas, sociais e ata lingüísticas e mitolóxicas”. Seguramente parte do valor desta autoedición financiada polos propios investigadores sexa o acceso que tiveron a documentación histórica ou imaxes cedidas polos propios veciños da parroquia.
Os autores desta obra destacan a recollida das árbores xenealóxicas de numerosas familias de Bamonde dende o século XVI ata datas recentes, así como relatos sobre personaxes de moitas destas familias, algúns reais e outros ficticios.
O libro conta con 1.074 páxinas editadas en dous tomos. Recolle case 1.300 fotografías, 150 táboas xenealóxicas, 82 esquemas de estatística, así como numerosa documentación familiar. O traballo de recompilación, investigación e redacción desenvolveuse nos últimos catro anos.











