O Consorcio de Turismo da Coruña pon a información turística da cidade ao alcance a través dos móbiles
O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo que preside Luisa Cid, lanzou a versión móbil da súa páxina web (www.turismocoruña.com) para facilitar o acceso dos turistas e coruñeses á información da cidade a través de smartphones, dispositivos cada vez máis utilizados como ferramenta de consulta e que xa representan o 9% dos accesos á web do Consorcio de Turismo. “É moi accesible e cunha mecánica de doada navegación”, indicou a concelleira de Turismo no acto de presentación da web móbil.
A nova ferramenta permite entrar na web de Turismo da Coruña dende calquera dispositivo móbil. Trátase dunha páxina especialmente deseñada para este tipo de soportes onde o usuario encontra unha ampla información sobre a cidade. Que ver, Dónde comer, Dónde Dormir, Dónde Comprar ou Cómo moverse son algunhas das informacións ás que se pode acceder, todas elas geolocalizadas cun acceso directo a Google Maps.
A web móbil tamén pon a disposición do usuario toda a oferta cultural da cidade, dende actos puntuais como o programa de festas de María Pita, ata rutas e horarios das visitas guiadas, a axenda de museos, toda a información sobre os monumentos ou información de servizos como o horario dos buses, paradas de taxis e o tempo.
Ademais, o Consorcio de Turismo distribuirá entre os establecementos comerciais da cidade e os puntos de interese turístico os accesos á web móbil a través de códigos QR que estarán dispoñibles nas próximas semanas. Cid explicou que a finalidade desta nova ferramenta non se limitará a cubrir as necesidades dos turistas, xa que nace con vocación de servizo cidadán para que calquera visitante, pero tamén calquera coruñés, a poida utilizar para informarse sobre a oferta de ocio, cultural, social e de servizos da Coruña.
“A partir de setembro queremos ofrecer aos establecementos hostaleiros e aos comerciantes a posibilidade de enviar fotos ou calquera información que desexen destacar dos seus negocios para que estean dispoñibles e ao alcance de todos na web móbil”, matizou Luisa Cid., quen insistiu en que para o sector turístico “é fundamental aproveitar as oportunidades que nos brindan as novas tecnoloxías”.
Máis turistas e máis pernoctacións
Cid engadiu que diversos estudos indican que só en España máis de 17 millóns de persoas navegan diariamente por Internet cun smartphone, de aí a importancia dos dispositivos móbiles nas campañas de promoción da cidade, que continúa incrementado o seu número de viaxeiros:
Segundo os últimos datos do INE, no primeiro semestre deste ano A Coruña recibiu 6.845 viaxeiros máis que no primeiro semestre de 2012, o que supón un incremento de case o 5%, destacando unha suba do 10,5% no número de viaxeiros estranxeiros respecto ao mesmo período de 2102.
A cidade tamén lidera en Galicia o incremento nas pernoctacións, cunha suba do 4,46% no interanual (2.252 pernoctacións máis) seguida de Santiago, cun 2,92%. Vigo cae un 9%. No acumulado do ano, a cidade volve ser a que máis sobe da comunidade galega, cun incremento do 2,8% e 302.232 pernoctacións, seguidas de Santiago cun incremento do 1,8%. Vigo, pola súa banda, volve baixar e ve a súa ocupación reducida nun 7%.











