O concerto de Miguel Bosé captará ao público no primeiro domingo das festas de San Roque
Co primeiro domingo das Festas de San Roque 2013 chega o primeiro prato forte do programa: o concerto de Miguel Bosé que terá lugar a partir das 22:30 horas en Fexdega. O cantante, que conta con fans de todas as idades, presenta en Vilagarcía o espectáculo Papitwo, no que interpretará algúns dos seus grandes éxitos. O programa festivo para a xornada dominical inclúe música para nenos, gastronomía e motos.
Despois do abraiante éxito da súa xira Papito, con máis de 21 discos de platino en todo o mundo, con máis de dous millóns e medio de persoas nos seus concertos e logo de recibir numerosos premios nacionais e internacionais, Miguel Bosé volve coa que el mesmo define como “cantada” segunda parte da espectacular xira, o Papitwo. Unha nova edición na que se fai un repaso a 35 anos de carreira e de éxitos e na que se tenta unir, de novo, a tres xeracións distintas de espectadores. No concerto, segundo explica o propio Bosé, o público poderá gozar de ingredientes espectaculares, novidosos, sorprendentes. “Amiga”, “Linda”, “Partisano”, “Te digo amor”, “Bandido”, “·Como un lobo”… serán algunhas das pezas que Bosé interpretará nun espectáculo único en cuxa montaxe interveñen 70 persoas entre músico e técnicos.
As entradas vendéronse de xeito anticipado a 15 euros e poderán adquirirse o domingo na billeteira de Fexdega a 20 euros.
Estacionamentos na Finca de Louro
As persoas que acudan ao concerto de Miguel Bosé dispoñen de aparcamento tanto na parte delanteira de Fexdega como na Finda de Louro, situada ao carón do recinto feiral. Esta gran bolsa de estacionamento acondicionouse nas últimas horas como reforzo aos aparcamentos da cidade durante todas as festas. Ademais de limparse de herba instalouse iluminación para facilitar o tránsito das persoas que opten por deixar alí os vehículos.
Programa do día
O concerto de Miguel Bosé porá o broche de ouro a unha xornada de festas que inclúe outros moitos actos. A partir das 11:30 horas e no marco da Concentración Moteira 36.600, celebrarase unha Ruta mototurística na que os participantes marcharán ata o pazo de Baión para realizar una cata de viño. Xa de regreso en Fexdega, terá lugar o almorzo e a entrega de premios das actividades celebradas durante a Concentración.
A animación musical do día correrá a cargo do grupo de baile e gaitas A Nosa Señora da Xunqueira que farán pasarrúas dende as 12 da mañá. Na Praza da Peixería continuará o Salón gastronómico de Arousa, ViñaGarcía, en horario de 12 a 15 horas e de 20 a 24 horas. As degustacións de albariño e produtos da terra poderán compatibilizarse con actuacións folclóricas.
Os nenos terán un acto moi especial: O concerto do Musicoloco que se celebrará ás 13 horas na Baldosa. Musicoloco é un sin fin de notas con harmonía propia, cun carro e personaxe totalmente anacrónico, chegado desde a máis profunda inocencia excéntrica. Notas de humor, cor, habilidade, técnica e beleza visual comparten escena en todo momento. Neste singular espectáculo mestúrase o tradicional co moderno: Zapatóns, bocinas, campás, tixolas, tambores, sereas, pratiños, cencerros, rodas que xiran transportando vida e lembrándonos que entre o clown e o seu público, o sorriso é o camiño máis corto.
Último día do Chillout e da Oktoberfest
A Oktoberfest remata o domingo despois de cinco días. Nesta última xornada seguirá ofrecendo cervexas e gastronomía alamana na carpa instalada nas inmediacións de Vista Alegre e que estará aberta en horario de 14 a 16 horas e de 20:30 a 24:00 horas. Ademais haberá animación, actuacións musicais e divertidos concursos.
Tamén chega ao seu remate as sesións de chillout “Ás nove na praia” que se despide con máis música e cócteles baixo o incomparable marco dun solpor sobre a ría.











