Reabre ao público o centro de interpretación da batería do monte de San Pedro en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Centro de Interpretación Monte San Pedro

Centro de Interpretación Monte San Pedro

O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, acompañado da tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidente do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, visitou esta mañá o centro de interpretación da batería de costa do monte de San Pedro, que se reabriu ao público e no que se ofrecen visitas guiadas trala ejecución de traballos de mellora e acondicionamiento desta instalación. No acto, tamén estiveron presentes o coronel Poveda, en representación da Capitanía Xeral da Forza Logística Operativa; e Manuel Areas, presidente da Asociación Histórico Cultural The Royal Green Jackets.

A reapertura deste centro de interpretación corrobora o compromiso municipal coa recuperación do patrimonio histórico da cidade e coa potenciación dos espazos verdes e dos puntos de especial interese turístico. De feito, o monte de San Pedro é un dos lugares máis visitados da cidade, con 470.000 visitantes ao ano, o que converte esta gran zona verde periurbana nun novo polo de atracción turística.

O centro de interpretación atopábase pechado desde fai anos, pese a que a súa posta a disposición dos visitantes era unha vella demanda de veciños e persoas que se achegaban ata o parque. O actual equipo de goberno desenvolveu un proxecto para a recuperación efectiva desta instalación. Así, executáronse as actuacións necesarias para corrixir os problemas de humidade e oxidación que existían, ademais de puír e dar un tratamento especial aos elementos castrenses e á baldosa hidráulica. O Concello tamén realiza agora outros traballos na zona relativos ao mantemento e a seguridade destas instalacións.

Durante os meses de agosto e setembro, as persoas interesadas poderán visitar o centro de interpretación -instaláronse planos, cartelería e outros elementos expositivos-. O horario será de martes a domingo, de 11.00 a 14.00 horas, mentres que de mércores a sábado tamén se poderá visitar pola tarde, entre as 16.30 e as 20.00 horas. Os luns permanecerá pechado.

O centro de interpretación poderase visitar libremente, pero tamén contará con persoal especializado para atender ao público, posto que serán licenciados con formación en historia e elementos da batería. Cando exista demanda para unha visita guiada, crearanse grupos de ata 8 persoas que recibirán información pormenorizada sobre a historia desta batería, sobre a situación social e económica de España a finais do século XIX e principios do XX, e sobre os traballos realizados para converter esta antiga zona militar nun parque público.

1 de agosto de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.